David Castro ataca ás traballadoras da escola infantil.

- Nunha enquisa mandada este pasado venres pídeselle a nais e pais que valoren ás traballadoras de xeito individual.
- A enquisa fala de valorar unha “PROPOSTA PEDAGÓXICA” que non existe.
- A enquisa que non se xestiona de maneira anónima, e é un ataque directo ás traballadoras e un mecanismo para crear confrontacións.
- É o segundo intento de mandar esta enquisa. En xaneiro, pretendeuse mandar, con outro formato, pero retirouse para evitar controversias antes das eleccións autonómicas.
Dende Somos Ribadumia queremos poñer de manifesto a nosa posición contraria ante unha enquisa que o pasado venres se enviou ás nais e país usuarios da escola infantil municipal.
Nesta enquisa cun enunciado enrevesado interesadamente para disimular a intención da mesma exponse que “co fin de ter a opinión das familias de cara a avaliar a programación didáctica do centro, valore de 1 a 10 a súa opinión sobre a labor do profesorado do centro con respecto as ACTIVIDADES planificadas en relación á PROPOSTA PEDAGÓXICA ANUAL”. Pero a realidade da enquisa é que o que se pide é unha valoración de cada unha das traballadoras da escola infantil de maneira específica, non so poñéndolle nota, senón ademais pedindo a explicación desa nota.
Dende o noso punto de vista non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar por varios motivos:
- A enquisa vai dirixida a que os pais e nais dean unha opinión, obviamente subxectiva, do traballo das profesionais da escola infantil, non das actividades organizadas polo centro, nin do Plan Escolar no seu conxunto, nin da calidade das instalacións nin de ningún aspecto que unha nai pai poida valorar cun mínimo de obxectividade. Hai que recordar que os proxenitores deixan aos nenos e nenas no recibidor da escola infantil e non teñen acceso ás aulas e polo tanto, non teñen acceso ao traballo das profesionais.
- As nais e pais non poden valorar a suposta PROPOSTA PEDAGÓXICA, porque esta non existe. Existe un “Proxecto Educativo” da escola infantil, cuxa última edición coñecida é a do curso 2022/2023, que xa é un corta pega do proxecto educativo do curso anterior, realizado pola empresa que tiña a xestión da gardería, non pola dirección actual. Este “proxecto educativo”, para o caso de que fora actualizado, non se entrega ás nais e pais coa documentación para a solicitude de praza, e tampouco se entregou no curso anterior, nin está publicado en ningún sitio. Se unha nai ou pais o quere ver ten que realizar unha solicitude por escrito ao Concello e agardar que dende alcaldía autoricen a entrega do documento. Así que dificilmente poden as nais e pais facer valoracións dun documento que descoñecen.
- Nin sequera se estableceron mecanismos de anonimato para a enquisa, de tal maneira que as traballadoras poden saber que nai ou pai as valora e como. E os pais e nais que queiran cubrir esa enquisa deberan facelo sabendo que todo o persoal na escola infantil podería ter acceso a ela.
- A enquisa leva o encabezado do Concello de Ribadumia, pero non leva sinatura. Tampouco aclara quen a realiza, se o Concello, a dirección da escola infantil, ou alguén que pasaba por alí, nin quen a vai xestionar.
- A enquisa é un ataque ás traballadoras da escola infantil, e busca alimentar enfrontamentos coa escusa das opinións favorables e desfavorables das nais e pais. Posiblemente tamén busque xustificar algún despedimento.
Segundo intento de realizar esta enquisa. Ademais do exposto, esta enquisa resulta ser o segundo intento que fai o Concello de que as nais e pais valoren o traballo das profesionais da escola infantil. O primeiro aconteceu en xaneiro, cun documento, sen membrete do Concello nin da gardería, nin de ningún tipo, que contiña un texto moito máis claro sobre o obxectivo da mesma, pois pedía, literalmente “valore de 1 a 10 a súa opinión sobre o profesorado , sendo 1 DESCONTENTO e sendo 10 MOI CONTENTO coa súa labor”. Os recelos creados pola enquisa, ademais preto dunhas eleccións, provocou que o documento se retirara e que se retocara o encabezado e o texto para confundir sobre a intención real da enquisa.

Parécenos que David Castro actúa dun xeito denigrante, ademais de con moita falsidade, ao realizar accións como estas. O traballo das profesionais debe valoralo a dirección do centro e o Concello como responsable da escola infantil, e pode e debe recabar a valoración dos pais sobre as actividades, o Proxecto educativo ou as propias instalacións, pero non se pode acpetar que se enfronte a nais e pais coas profesionais da gardería.
Non temos claro se David Castro pretende con esta pantomima xustificar algún despedimento, ou algunha das contratacións realizadas nos últimos meses – envoltas na sospeita do trato de favor – ou ambas cousas. Pero dende o noso punto de vista, unha escola infantil é unha entidade moi seria, e xa está ben destes comportamentos infantís por parte do señor Castro, e de rirse das nais e pais.
