Discutibles accións e actitudes en relación ao 8M.

  • Unha xuntanza dun suposto programa contra a violencia de xénero do que só se coñece o nome.
  • Xuntanzas con Garda Civil, hostalería e taxistas sen presenza nin dos servizos sociais municipais, nin do CIM comarcal, nin de ESMAR.
  • Nin rastro do programa pioneiro Conta Comigo, que incluía preto de medio cento de negocios locais e un grupo de apoio.
  • Faltas de respecto institucional ao deixar fora dos actos do 8M a diversos colectivos municipais.

  Como en ocasións anteriores, dende Somos Ribadumia evitamos facer valoracións relativas ao 8M e ás accións de goberno local ao redor desa data para non crear polémicas que poidan desvíar a atención do importante, pero pasado o día e os actos centrais do mesmo, cómpre poñer de manifesto uns feitos que nos parecen bastante discutibles, cando menos.

  No medio das actividades organizadas ao redor do 8M, figuraba unha xuntanza que, segundo constaba no cartel, consistía nunha “ Reunión de coordinación e seguimento do programa contra a violencia de xénero punto violeta : -non violencia; -empoderamento”. O evento aparecía axendado para o día 4 de marzo, e o propio goberno local publicou nas súas redes unha foto  da suposta xuntanza co seguinte texto   “O pasado luns tiña lugar a reunión de coordinación e seguimento do programa contra a violencia de xénero “Punto Violeta: non a violencia e si ó empoderamento da muller”, que engloba diversos axentes como o departamento VIOGEN da Garda Civil, os taxis, ou os hostaleiros locais, que xunto ó concello forman un tecido engranado”.

   Dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro. Como pode ser que se faga unha reunión desas características e non estean presentes os profesionais que a nivel local atenden as vítimas de violencia cando acoden a esa institución a pedir axuda? Dende o noso punto de vista, e partindo do descoñecemento que temos dese suposto programa de loita contra a violencia de xénero, pois non se fixo público nin en que consiste, nin como se está xestionando nin cales son os seus obxectivos, temos claro que esa xuntanza servíndose de toda a boa intención dos asistentes non foi máis que un paripé para dar a imaxe de que se fai algo, cando en realidade pouco se está facendo, ou nada. De feito, a realidade é que o goberno de David Castro fulminou o pioneiro programa posto en marcha da man de Somos Ribadumia, unha rede de puntos seguros que contaba con preto de medio centenar de negocios locais e cun grupo de apoio formado por persoas voluntarias ás que se lle deu formación específica. De todo iso non queda nada  e agora David Castro sacase da manga un invento que non sabemos se é unha broma ou se realmente pretende poñer o foco da violencia machista nos locais de ocio,  deixando fóra dese foco todo o demais. En calquera caso, o limitado do plantexamento, tendo en conta o punto de partida que foi o traballo feito entre o 2017 e o 2019,parécenos pouco menos que unha tomadura de pelo, cun tema para nos da máxima seriedade.

   Non imos valorar o contido da xuntanza, que tampouco se fixo público, pero dende o noso punto de vista, por moi positivos que queiramos ser, sen a presenza da traballadora social e do educador familiar do Concello e do CIM comarcal, entendemos que pouco se puido falar. Por certo que tampouco estivo convidada ESMAR, a única entidade da comarca, con sede en Ribadumia, dedicada a dar apoio ás vítimas da violencia machista.

  De fondo, os problemas persoais de David Castro.

    Con todo o que si sabemos do que está acontecendo en Ribadumia, estamos en condicións de asegurar que as ausencias tanto dos técnicos municipais e do CIM, como de ESMAR, nunha xuntanza desas características, teñen moito que ver con problemas persoais do Señor Castro cara eses profesionais e ese colectivo, e están na liña doutras actuacións deste goberno que leva semanas, nalgún caso meses, intentando invisibilizar o traballo do departamento de servizos sociais do Concello, sobre todo logo de facerse pública a situación do educador familiar, castigado nun despacho minúsculo e sen ventás, tal como denunciaron os sindicatos, ademais da nosa formación.  Unhas actitudes personalistas a través das cales David Castro debe pensar que “castiga” a esas persoas ou colectivos, pero en realidade o que está é transmitindo unha imaxe moi infantil e prexudicando á veciñanza, neste caso ás vítimas, que queren ter un servizos de atención pública aos que acudir sabendo que serán perfectamente atendidas, non mirar fotos do alcalde ao carón da Garda Civil.

 Os erros (ou non tan erros) de protocolo, outra vez.

Dende varios colectivos municipais recibimos queixas porque resulta que contra do que ven sendo habitual, o Goberno non mandou convites a participar nas diferentes actividades programadas polo 8M. Comezando polos actos propios do 8M , que este ano tiveron lugar no colexio, e para os cales o convite cos detalles do mesmo aos concelleiros da oposición chegou no mesmo día, nun intento de evitar así a nosa presenza. Máis grave nos parece que se ignorara intencionadamente a ESMAR dos actos oficiais. Ese colectivo converteuse en fundamental para axudar a moitas mulleres a saír adiante logo de vivir situacións dramáticas, e fai un traballo silencioso, pero necesario que merece todo o recoñecemento público, tamén que se lles teña en conta nestas datas, polo que o mínimo e convidalos formalmente a estar presentes. Da moita pena ver como o mesmo alcalde que foi correndo a Santiago a facerse fotos cando ese colectivo tivo o recoñecemento do goberno central a través dos Premios Meninas, agora manteña actitudes de desprezo e mesmo mostre a súa alegría ante a posibilidade de que a Asociación mude a súa sede social a outro Concello.

Cuestión similar coa Gala do Día da Muller. Sobre esta última, o Concello enviou convites por correo postal aos colectivos do noso Concello, pero obviou facelo vía telemática, algo que ademais é obrigatorio pois fai anos que a lei obriga ácomunicación telemática coas entidades xuridicas, non digamos xa unha chamada de teléfono, que foi xusto o que se fixo o ano pasado para o mesmo acto.

  En conxunto, é evidente que a este goberno a celebración do Día da Muller só lle interesa de cara á galería fotográfica, e que  para David Castro o realmente importante é castigar a quen polo motivo que sexa o incomodou. E así vai Ribadumia, que de ser referente nas políticas de feminismo e de loita contra a violencia de xénero pasou a irrelevancia, e a saír nos medios por cuestións nefastas como o regalo de cortauñas no ano 2022 ou o maltrato a traballadores e colectivos do noso Concello.

Deixar un comentario