Falsidade documental nunha obra de 207.000€

  • Unha obra por valor de 207.000 € realizada sen cumprir prazos ,a direción de obra  falseando documentación, e o alcalde asinando todo.
  • A acta de replanteo da obra asinouse o mesmo día que a acta de final de obra.
  • David Castro permitiu o inicio da obra sen estar toda a documentación e regra e autorizou o pago da mesma antes de que se rematase de executar dita obra.
  • O arquitecto externo de man de David Castro, asinando documentos falsamente a cambio de 9.000€.

  No pleno celebrado onte o noso Concelleiro Sergio Soutelo puxo de manifesto, cos papeis na man,  a nefasta xestión no control de execución dunha obra de 207.000€. A denominación da obra é  “Mellora das instalacións térmicas en diversos edificios do Concello de Ribadumia ”, tivo un valor de 197.996,31 € subvencionados a través do Fondo de Cooperación Local para o ano 2023 da Xunta de Galicia, aos que hai que sumarlle os custes de redacción do proxecto e de dirección de obra, contratados ao arquitecto externo de man de David Castro a cambio de 8.954 € .

   No Pleno Sergio Soutelo puxo de manifesto varias irregularidades na documentación, irregularidades que supoñen falsidade documental entre outras cuestión e que son unhas actuacións da máxima gravidade:

  • A acta de replanteo da obra, documento imprescindible sen o cal a empresa adxudicataria non pode comezar a obra, e que debe redactar a dirección de obra, neste caso o arquitecto externo contratado para ese traballo, figura como redactada o 10 de novembro de 2023. Pero foi asinada o 24 de novembro, dúas semanas despois, e así se pode comprobar no propio documento.
  • O mesmo día, o 24 de novembro, o arquitecto asinou a acta de recepción da obra, dando por rematada, facéndose constar o seguinte : “las obras fueron bien ejecutadas, ajustándose sensiblemente al proyecto aprobado que sirvió de base para la ejecución de las mismas”.  Non só iso, ese mesmo día o arquitecto certificou a obra, dándoa como rematada por completo, e certificando que se había executado totalmente todo o que figuraba no contrato.
  • Dáse a circunstancia de que ese día 24 de novembro as obras, que por certo tiñan data límite de execución no 12 de novembro,  estaban sen rematar, de feito temos fotos tomadas o 2 de decembro, onde se comproba que unha parte desta obra, a que afectaba ao edificio de servizos sociais do Concello, estaba aínda a medio facer.
  • O 30 de novembro, David Castro deu autorización para o pago das obras, dando por valida toda a documentación, a pesar de que era evidente, e el tiña claro coñecemento pois as obras no edificio municipal de servizos sociais estaban ben á vista, que as obras estaban sen rematar, actuando así de maneira neglixente.

   David Castro, que se puxo moi nervioso ao ver os documentos que amosou Sergio Soutelo,  negouse onte a responder ás preguntas relativas as estas cuestións, alegando que as contestarían por escrito uns misteriosos técnicos, cousa que dubidamos bastante, pero non necesitamos esas respostas porque xa temos todos os documentos, que por certo son públicos. E temos pendente revisar varias contratacións máis, asinadas polo mesmo arquitecto, pois temos a sospeita de que esta  maneira de actuar non foi algo puntual.

   Dáse a circunstancia de que esta obra, como dixemos  foi levada por un arquitecto externo, que redactou o proxecto e exerceu a dirección da obra. Ese arquitecto non é para nada descoñecido no Concello de Ribadumia, nin é a primeira vez que sae a relocer nun pleno municipal. Resulta ser  o  mesmo “asesor misterioso” que saíu á luz nun pleno en setembro de 2022, cando  o noso concelleiro naquel momento, Enrique Oubiña, preguntou polo seu papel nunhas negociacións na sede da Deputación. Naquel momento David Castro declarou que a ese arquitecto había que estarlle moi agradecido, e que realizara os seus asesoramentos de maneira altruísta. A realidade é que e se arquitecto leva varios anos realizando traballos para o Concello, por valor de ducias de miles de euros, asi que o de altruista queda bastante en dúbida, quizais David Castro falaba dun “quid pro quo“.  

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas, que xa non é vaia contra da lexislación vixente, senón que ademais pon en perigo centos de miles de euros en axudas económicas, e non sería a primeira vez que David Castro perdera importantes cantidades por non cumprir ben cos procesos ou por non ter a documentación en regra. E dende logo, ante as acusacións fora de tono que o señor castro expresou no pleno, pretendendo que nos queremos o mal para Ribadumia, que lle quede que ben claro que por suposto nós traballamos por e para Ribadumia, non para desenvolver carreiras persoais na política, e dende logo apoiamos todos os investimentos que sexan positivos para a nosa veciñanza. O que pasa é que para nós non vale todo, as cousas deben facerse , pero ademais deben facerse ben.

Un concello é unha institución pública, e como tal debe funcionar con escrupuloso respecto á legalidade, e o alcalde debe ser rigoroso co cumprimento desa legalidade. Se David Castro non é capaz de xestionar o Concello, nin de licitar as obras en tempo e forma, que deixe o cargo, pero non nos parece de recibo que se entre nestes xogos, asinando documentos falsamente e facendo todo tipo de trampas para ocultar a neglixencia da súa xestión.

Deixar un comentario