David Castro falsea os datos de investimentos do PP en Ribadumia .

- Nos últimos doce anos, o total de investimentos directos da Xunta en Ribadumia, coa salvidade do Colexio, foi de 0€.
- David Castro conta como investimentos os fondos de obrigado cumprimento, que non son investimentos no Concello, e ademais levan anos conxelados.
- “Ribadumia está moi prexudicada polas políticas do PP”, argumento defendido por David Castro ata que se vendeu a ese partido.
- Recordámoslle ao señor Castro que el pasouse ao PP co compromiso, incumprido, de paliar a falta de fondos da Xunta.
- O que si nos deu a Xunta foron multas polo uso da depuradora, máis de 200.000€ polo uso da EDAR.
Aínda que dende Somos Ribadumia non estamos participando activamente da campaña electoral, non podemos aceptar que David Castro minta para facer campaña en favor do PP.
Vimos de ver unhas declaracións onde se falando duns investimentos en Ribadumia por parte da Xunta de preto de 11 Millóns de euros. Nada máis lonxe da realidade. Dende o ano 2011 o goberno da Xunta unicamente puxo o que era de obrigado cumprimento. Fora deses fondos, que se van recibir goberne o PP ou goberne outro partido, pero que co PP levan anos conxelados, o PP da Xunta non designou nin un só euro a Ribadumia, coa salvidade dos 800.000€ que no ano 2021 se investiron no CPI Xulia Becerra Malvar e gracias á presión de Somos Ribadumia, non de David Castro. Un investimento que por certo non resolveu apenas ningún dos problemas do centro.
Non houbo máis investimentos. Anteriormente á reforma do CPI, o único investimento en Ribadumia acometido pola Xunta de Galicia foi o edificio de vivendas públicas sito en Barrantes, promovido polo bipartito. Todo o demais, son partidas económicas xenéricas, e algunhas axudas como as destinadas ao polígono industrial, se chegaron a Ribadumia foi gracias a Somos Ribadumia, pois compre recordar que ao faltar nós deixaron de solicitarse e xestionarse, co resultado de que mentres o polígono de Cambados mellorou e recibiu a chegada de empresas, o de Ribadumia vai esmorecendo a cada ano que pasa, e ao PP tampouco lle preocupa moito iso.
Dende o noso nacemento como partido político, cada ano denunciamos a falta de investimentos para Ribadumia nos orzamentos da Xunta de Galicia, e parécenos lamentable que David Castro saia agora falando de millóns como se falara de patacas no faiado. Máis no caso del, que ata febreiro do ano pasado, ten reiterado en numerosas ocasións, especialmente entre o 2015 e o 2019, a falta de compromiso con Ribadumia da Xunta. É máis, hai que recordarlle ao señor Castro que foi el o que dixo que se pasaba ao PP porque así ía, conseguir investimentos para Ribadumia, uns investimentos dos que a día de hoxe non se sabe nada.
A realidade é que con todos os números na man, co PP na Xunta Ribadumia perdeu. Perdeu por que o único que fixo a Xunta foi poñer paus nas rodas. Por exemplo cando se nos negou unha axuda a diversas axudas entre outras axudas para loita contra a violencia de xénero, no ano 2017, ediversos investimentos que por algún casual sempre lle tocan aos mesmos, ou cando ao longo dos últimos anos nos deixou sen pediatra e cun único médico durante varios veráns seguidos, ata que, unha vez máis gracias ao traballo de Somos Ribadumia, chegou un terceiro médico que axudou a paliar a lamentable situación do noso centro de saúde, que vai parella aos recortes sanitarios que o PP da Xunta, co silencio complice de David Castro, leva anos practicando. Ribadumia tamén perde por exemplo con políticas como as aplicadas ao transporte público, que deixaron Ribadumia illada, pois non temos nin buses para ir ao Hospital do Salnés.
Do que si pode presumir o PP da Xunta é de deixar Ribadumia abandonada e cargándonos competencias que son súas. Por exemplo o Servizo de Axuda do Fogar, que teñen que xestionar os Concellos, recibindo uns recursos da Xunta ridículos. Ou a negativa do PP da Xunta a asumir a gardaría municipal, ou a ameaza constante de peche de aulas do CRA.
O que si nos deu o PP da Xunta Galicia foron facturas por máis de 200.000€ que pretende cobrar por usar a depuradora, e iso enriba do canon da auga e Saneamento, outro regalo do PP da Xunta de Galicia en forma de impostos.
E nos preguntamos: onde está o colexio novo? Onde está a legalización do Folla Redonda? Onde está a ampliación da depuradora de auga pública? Onde están os investimentos prometidos a David Castro, foran cales foran?
Obviamente, todo isto non deixan de ser artimañas en campaña electoral, ás que o noso alcalde se suma porque vive co pánico a que o PP non logre o goberno da Xunta de Galicia. O que nos gustaría é que David Castro, en vez de mentir cos números, nos explicara no caso de que o PP non gañe o goberno da Xunta, como vai facer, e que chaqueta vai intentar comprar cando vexa que no PP a cousa esta fastidiada?
