David  Castro intenta aprobar a Conta Xeral do ano 2022 ocultando documentación importante e cun pleno a horas intempestivas para evitar a asistencia de público.

  • Convoca o pleno un xoves ás dúas da tarde para evitar a asistencia de público e concelleiros.
  • O Conta Xeral sen  os pertinentes e obrigatorios Memoria e Informe da Comisión de Contas, e ocultando determinados gastos.

    David Castro está encirrado en facer as cousas mal, non sabemos se polo capricho de levarnos a contraria a Somos Ribadumia ou porque realmente o seu nivel de incompetencia  para a xestión política é completo.

  Como xa denunciamos no seu momento, o proceso de aprobación da Conta Xeral do ano 2022, que chega 5 meses tarde sobre o prazo límite de aprobación, acumulou varios erros, o máis grave a falta de parte da documentación que obriga a lei a dispor no expediente, tanto en exposición pública como no traslado aos concelleiros e concelleiras para o seu debate e aprobación.

  Dixémolo e presentamos en tempo e forma un escrito, informando da situación, dos erros e solicitando o reinicio do proceso, facendo as  cousas ben. Pois  David  Castro decidiu facer oídos xordos é tirar para adiante, seguindo cun proceso que non cumpre coa legalidade e ao final do cal, por non aceptar que houbo erros e perder unha semana en facer as cousas ben, insisten en aprobar a Conta Xeral nun Pleno convocado para hoxe a todo correr.

   Onte tivo lugar de maneira previa ao pleno, unha Comisión Informativa de Contas, onde se deu conta do noso escrito e as xustificacións para non aceptar o que solicitamos, que como dixemos unicamente era o reinicio do proceso incluíndo toda a documentación obrigatoria. Dende Secretaría e Intervención do Concello confirmouse que efectivamente non se entregou esa documentación, argumentando, como en veces anteriores problemas informáticos. Máis sorprendente foi que se lle dixera ao noso concelleiro Sérgio Soutelo que a documentación completa se ía poder consultar no portal de Rendición de Cuentas do Estado. Sorprendente por dous motivos, primeiro por que  a Conta Xeral súbese a ese portal “despois” de aprobarse, e polo tanto non se pode consultar antes da súa aprobación, e en segundo lugar porque a obriga de trasladar a Conta Xeral ao Tribunal de Contas  e facela pública nos portais de transparencia pública  non saca a obriga de ter toda a documentación no expediente a disposición da veciñanza no período de exposición pública e de trasladarlla aos concelleiros e concelleiras antes de levala a Pleno.

  Pola nosa banda non imos permitir que se lle tome o pelo nin á nosa formación, nin moitísimo menos á veciñanza. A falta de documentación e ocultación de datos non é admisible. Esta tarde volveremos pedir a retirada da Orde do Día dese punto do Pleno de mañá, e se David Castro insiste en facer as cousas mal, teremos que solicitar amparo ante os Tribunais de Contas. Non sería a primeira vez que unha Conta Xeral lle vén de volta a David Castro por malas prácticas, xa pasou coa do ano 2019, e non podemos aceptar que o Concello funcione desta maneira tan lamentable e irresponsable. En xogo hai fondos económicos, e detrás deles investimentos e pagos de facturas.

Ocultándose da veciñanza e da oposición.

  Por se a situación non era bastante mala, David Castro pensou que era boa idea convocar o Pleno de hoxe, que ten carácter extraordinario, as 14:15 horas. O obxectivo do señor Castro é ocultar o pleno da veciñanza, reducindo así a asistencia de público, bastante elevada nos últimos plenos, é tamén complicarllo aos concelleiros e concelleiras da oposición, que tamén teñen os seus traballos, e non sempre é posible coller horas para o pleno, por moito que teñan ese dereito.

  Pero dende Somos Ribadumia xa lle adiantamos ao señor Castro que esas estrataxemas de mal pagador non van funcionar. Xa nos ocuparemos de que toda a veciñanza  coñeza a súa xestión ao detalle. Polo que pedímoslle que deixe de enredar con xogos infantís , e se ventre en gobernar é xestionar o noso Concello, que foi para o que o puxo a veciñanza na alcaldía.

Deixar un comentario