O estado ten retidos preto de 200.000 € ao goberno de David Castro por non cumprir a lei.

- O Ministerio de Facenda mantén retidas as transferencias de capital dende novembro por non presentar o orzamento do ano 2023.
- 93.076,78 € en novembro e outros tantos en decembro, en total 186.153,56 € retidos.
- Só 9 concellos en toda Galicia están nesta situación, e unicamente Ribadumia en toda a comarca do Salnés.
- O Concello abandonado, sen orzamento, coas facturas sen pagar e as contas do sen pechar, os fondos do estado retidos por non facer ben as cousas, e David Castro enredando na Mancomunidade e de paseo por FITUR.
- A Concelleira de Contas, 1.900 € ao mes por saír nas fotos.
Dende Somos Ribadumia queremos por de manifesto a situación económica que está vivindo o Concello de Ribadumia, cos fondos do estado retidos por que David Castro prefire andar de feira en feira e enredando na Mancomunidade no canto de facer o seu traballo.
[Toda a información e os datos deste comunicado son oficiais e de acceso público e poden consultarse na web do Ministerio de Facenda, no seguinte enlace: https://www.hacienda.gob.es/es-ES/CDI/Paginas/SistemasFinanciacionDeuda/InformacionEELLs/DatosFinanciacionEL.aspx ]
O Ministerio de Facenda leva dende o mes de novembro retendo as súas transferencias de capital, porque o Concello incumpre a lei , en concreto o artigo 36 da Lei 2/2011 do 4 de marzo de economía sostible e a DA 87ª da Lei 22/2021, ao incumprir a obriga de remisión dos orzamentos do exercicio 2023.

E aínda podería ser peor. A lei marca que no caso de non presentarse o orzamento do ano en curso, neste caso aplicable ao 2023, antes do 1 de xullo do mesmo ano, aplicaranse retencións das entregas á conta da participación nos tributos do Estado a partir de setembro, polo que se non chega a ser polo retraso do Ministerio a hora de aplicar a lei, agora estariamos falando de preto de 400.000€ , case o 10% do orzamento total dun ano, por non mandar un papel, pois non esquezamos que no ano 2023 David Castro non quixo aprobar un orzamento e mantivo prorrogado o do 2022, polo que a comunicación ao Ministerio non requiría agardar a ter aprobado ese orzamento, e só se debía comunicar o estado de prórroga do orzamento anterior.

Erros deste tipo teñen consecuencias. Non esquezamos que esas aportacións, que son adiantos dos fondos anuais que lle corresponden ao Concello do Estado, entran cada mes de maneira líquida e libres para o seu uso directamente na conta do banco, e son usados para pagar dende nóminas ata facturas a empresas. 186.000€ dinse moi pronto, pero esa retención complica moito a xestión directa e do día a día da economía local, e pode provocar retrasos nos pagos de todo tipo.
David Castro pensa que como hai remanente o Concello ten cartos, pero o que non ten en conta é que os cartos fan falla porque o Concello ten que realizar pagos. O período medio de pago a proveedores está, a falta de que se fagan públicos os datos do último trimestre de 2023 , xa en 50 días – no terceiro trimestre de 2017 ese dato era de 8 días – que na práctica implica que as empresas están cobrando meses despois de dar o servizo, algo que ademais de non cumprir as obrigas legais, supón un prexuízo moi grande para esas empresas.
Resulta totalmente inadmisible esta desidia e este abandono do control do funcionamento económico do noso Concello, que vai máis aló deste lance, que ao fin é un máis. Estamos sen orzamento dende o ano 2022, o resultado contable do ano 2022 está nestes momentos, xaneiro de 2024, en exposición pública,un retraso desproporcionado que pon a Ribadumia tamén fora da lei e que pode traer consecuencias legais e problemas para acceder aos fondos do estado e da Xunta e Galicia, así como outras axudas que requiren cumprir coa lexislación económica. Non é a primeira vez que o tribunal de contas apercibe a David Castro pola súa penosa xestión económica, enon será a última, visto o visto. Pero despois dos apercibimentos veñen as multas e as consecuencias, que como sempre van pagar os veciños e veciñas de Ribadumia.
David Castro é alcalde, non está no Concello de vacacións. Conta cunha liberación de 1.500 € ao mes, un ingreso que non se retrasa un só día, pero con independencia disto un alcalde ten obrigas e responsabilidades, unha delas velar polo correcto cumprimento das obrigas legais do Concello. Cousa similar podemos dicir da Concelleira de Contas, que no caso de Ribadumia conta cunha liberación de 1.900 € ao mes, e ata o momento o único que se sabe da súa xestión é que sae nas fotos.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola deriva económica do Concello e a lamentable e perigosa xestión que esta facendo David Castro. E dende logo non entendemos como unha persoa que é incapaz de atender ás súas obrigas no concello do que é alcalde ata o punto de ser un dos únicos nove concellos en toda Galicia nesta situación e o único na comarca, pode pretender xestionar unha mancomunidade de nove concellos.
