David Castro presume de programas de conciliación familiar mentres as nais e pais de Ribadumia teñen que buscar gardería noutros concellos.

- O Nadal, pobre e mal exemplo da xestión da conciliación familiar.
- David Casto presume de programas de conciliación mentres as nais e pais da metade dos nenos que nacen cada ano teñen que buscar gardería noutro concello.
- Ribadumia non mellorou nin un só servizo de conciliación familiar dende o ano 2018.
David Castro pretendeu estes días presumir das súas políticas de conciliación familiar, pero os datos e a realidade desmenten todo canto di.
As actividades de conciliación familiar deste Nadal, coa salvidade da xornada denominada Carnadal, que foi por conta das ANPAs, foron as mesmas que se levan realizando dende fai anos, e non supuxeron ningunha melloría con respecto a anos anteriores. De feito, resulta moi insuficientes e debemos lamentar que David Castro siga pensando que os pais e nais do noso concello teñen todos traballos de mañá, e só programe actividades deste tipo pola mañá, deixando aos pais sen alternativas de atención polas tardes. No que respecta ao Nadal, ademais disto, recibimos moitas queixas por cuestións como o racanismo a hora de tirar caramelos na cabalgata, escasos ata o punto de que a ultima das cinco carrozas cruzou todo o centro de Barrantes sen tirar un só caramelo, ou polo trato desigual en determinadas actividades como o recibimento do paxe real, onde se deron agasallos a uns nenos si e outros non, ademais cun descarado uso partidista por parte do goberno local deses detalles, algo que nos parece moi lamentable, máis tratándose de actividades deste tipo.
Fora das actividades do Nadal, tampouco vemos motivo para que David Castro saque peito por outros programas de conciliación.
Se falamos da escola de verán, as únicas melloras, eliminación do límite de prazas, aumento de horario e calendario e servizo de comedor se realizaron nos anos nos que política social a levou Somos Ribadumia. Dende entón, ese servizo só tivo recortes que David Castro unicamente rectificou neste pasado 2023 logo de numerosas queixas. Ademais, hoxe por hoxe a maior parte dos concellos da contorna aportan servizos similares, nalgún caso incluso con mellores prezos, así que tampouco se pode dicir que Ribadumia actualmente sexa exemplar en nada.
Peor situación temos na gardería, onde a mala xestión por parte do goberno de David Castro provoca que as nais e pais da metade das nenas e nenos nacidos no noso concello o ano pasado, tiveran que buscar gardería noutros concellos, mentres se lle dá praza a nenos de concellos veciños ou mesmo algúns máis lonxanos, pois na gardería de Ribadumia hai hoxe cativos incluso de Vilagarcía, mentres que , remarcamos, nais e país do noso concello teñen que acudir a Cambados, Meaño ou Meis.
Ademais do dito, están os datos. Ribadumia perdeu habitantes no ano 2022, cando se recolleu o último dato oficial, e co paso dos anos non logra asentar poboación. Pero sobre todo no noso concello están baixando os nacementos. Os datos do IGE indican que no ano 2022 tivemos en Ribadumia 29 nacementos, a cifra máis baixa dende o ano 2002, cando naceron 26 persoas, e o segundo dato máis baixo tamén dende que no ano 2001 a aprobación do PXOM dera inicio ao crecemento do núcleo de Barrantes, wue hoxe por hoxe concentra metade da poboación mentres o rural esmorece. En número de nacementos por habitante, é o dato máis baixo da serie histórica.
Está baixando o índice de nacementos, morre máis xente da que nace -no 2022 finaron 49 persoas- , os servizos de conciliación xa non son punteiros nin exclusivos de Ribadumia e non hai vivenda dispoñible para que xente nova veña a vivir ao noso Concello. E a pregunta ante todo isto é “que esta facendo David Castro por promover o crecemento sostible do noso concello??” a resposta é: nada de nada. As únicas cartas de valor de Ribadumia fai dez anos eran a dos servizos de conciliación e o acceso á vivenda. Agora non temos ningunha desas dúas cousas e David Castro mira para outro lado e só se preocupa polo seu futuro persoal.
Os problemas de imaxe de David Castro.
Dende o noso punto de vista, comunicados como ese e outros emitidos nos últimos días pretenden arranxar algo a moi prexudicada imaxe de David Castro, moi dado á meterse en líos innecesarios.
Por unha banda intenta aportar unha imaxe de xestor para facer ver que merece ser presidente da Mancomunidade e fuxir do inevitable por evidente, que é que a veciñanza o identifique como o monicreque de Gonzalo Durán, que anda a enredar na mancomunidade mentres ten sen atender ao seu Concello. Por outro lado, intenta apartar o foco dos desastres da súa máis que lamentable xestión e de escándalos como o do seu trato denigrante ao educador familiar, unha situación que xa nós denunciamos en maio do ano pasado, pero que agora foi xa, por insostible, posta de relevancia polos sindicatos.
Dende Somos Ribadumia podemos entender a desesperación de David Castro por lograr unha boa imaxe que lle dea algo de peso no PP, un partido que xa o da por amortizado e cuxos dirixentes definen xa abertamente como fiasco, pero non podemos aceptar que no canto de traballar se dedique á propaganda, así que pedímoslle ao señor Castro que desinfle un pouco o peito falando duns logros que non son del, que deixe de participar nos enredos do Señor Durán e de intentar ser algo no PP e se centre nos problemas de Ribadumia.
