Somos Ribadumia ante o proceso de eleccións autonómicas.

   Dende a Comisión Executiva de Somos Ribadumia trasladamos a nosa posición ante o proceso de eleccións autonómicas.

   Como aconteceu en procesos anteriores, como formación política e atendendo ás nosas circunstancias actuais optamos por manter a nosa neutralidade ante este proceso, ao tempo que deixamos liberdade aos membros e militantes da nosa formación para que a título individual fagan o que consideren.

  Neste aspecto debemos reseñar que calquera posición pública neste proceso electoral de calquera das persoas que forman parte da dirección e militancia do noso partido, deberá ser entendida como unha posición persoal, nunca en nome de Somos Ribadumia nin en representación do noso partido.

   Somos Ribadumia como formación política non nos sentimos a día de hoxe representados por ningunha das alternativas que forman o taboleiro electoral na nosa provincia, e de feito lamentamos que os partidos políticos aposten tan pouco nas súas listas pola nosa comarca, unha comarca de máis de 110.000 habitantes, cantidade que se multiplica no verán, e cunhas casuísticas propias que requiren dunha representación no Parlamento que entenda esas particularidades.

  Non imos valorar as listas doutros partidos, sinxelamente consideramos que ningún dos  partidos que se presenta aposta con claridade polo Salnés, nin vemos unha aposta en canto a propostas concretas pola nosa veciñanza ata o punto de valorar darlle un apoio expreso, nalgún caso, máis ben ao contrario.  Dende o noso punto de vista, o único que parece interesar é colocar de deputados  e deputadas a persoas de interese por cuestións propias dos partidos, ou mesmo desas persoas, pero non polas súas capacidades ou compromiso coa cidadanía.

   E con todo o que está pasando a todos os niveis, xa vai sendo hora de que as formacións políticas se tomen o exercicio da política en favor do conxunto da sociedade algo máis en serio.

  Dito todo isto, queremos facer un chamamento á cidadanía para que acuda a  votar o próximo 18 de febreiro, e para que vote segundo o seu criterio, analizando ben a situación que temos en Galicia e se podemos seguir nesta senda ou se debemos mudar cousas e en calquera caso valorando ben as alternativas, sen casarse con ninguén, porque o voto fixo é o cancro da nosa democracia, do que se favorecen algúns partidos. Votar consiste en elixir o que consideramos mellor para nós e para o noso entorno, e en mudar o voto e apoiar outro partido se o que apoiamos fai catro anos non cumpriu co que dixo que ía facer ou se non gobernan acorde ao que nos consideramos correcto. O voto é o único mecanismo de decisión que ten a cidadanía, e só o voto ten validez real e sirve para mudar o país que temos.

Deixar un comentario