David Castro, mantén a súa guerra de desgaste contra o educador familiar, prexudicando á veciñanza.

- David Castro, cun despacho de 25 metros cadrados, tres ventás, calefacción e aire acondicionado, di que un buraco sen ventás é un sitio correcto para traballar.
- Cun despacho sen ocupar no mesmo local, David Castro mantén ao educador familiar nun cubículo de menos de cinco metros cadrados.
- A veciñanza, sen intimidade cando vai a servizos sociais, e cos seus dereitos en cuestión de protección de datos vulnerados polas malas practicas de David Castro.
- Os cambios de comportamento comprometidos logo de defenestrar á concelleira Sofía Núñez sacándolle política social, tamén eran fume.
Dende Somos Ribadumia non é a primeira vez que falamos das condicións de do departamento municipal de Servizos Sociais. Pero esta semana os sindicatos, cansos das mentiras e falacias de David Castro, levantaron a voz, porque a situación na que se encontra o educador familiar é totalmente inaceptable. Como o son as declaracións de David Castro, que outra vez fai gala dunha soberbia e abuso de autoridade lamentables.
David Castro asegura, e non é a primeira vez, que un cubículo de menos de cinco metros, onde malamente colle unha mesa cunha cadeira a cada lado, sen espazo para nada máis, e onde o propio David Castro dificilmente podería ser atendido, é un espazo adecuado para traballar e para atender á veciñanza. E como xa dixemos, asegura tal cousa dende un despacho de 25 metros, tres ventás, calefacción e aire acondicionado.
Dende que no mes de maio puxemos de relevancia esta situación, mudaron cousas no departamento de servizos sociais, en concreto quedou un despacho libre ao rematar o seu contrato a segunda traballadora social, que David Castro non supliu porque a lei non lle permite contratar a dedo. Polo tanto, habendo un despacho libre, e actualmente sen uso polo que o educador familiar podería volver a usar o seu despacho anterior, nin sequera ten o señor Castro a mala escusa de que non hai outros espazos, e mantén ao educador familiar nese cubículo unicamente como medida de presión contra un traballador que ao señor Castro parece sobrarlle.
Compre remarcar que despois das eleccións de maio e de que de cara a galería David Castro defenestrara a anterior concelleira de política social, Sofía Núñez, sacándolle as competencias desta area na que resultaba moi problemática – aínda que parece ser que iso so aconteceu sobre o papel – , o señor Castro e a nova concelleira Alba Oubiña comprometeron cambios e melloras na xestión do departamento, ademais de rematar coas persecucións ao persoal que forma parte del. Obviamente nada diso aconteceu, e unha vez máis demostrase que as promesas de David Castro son fume.
Por desgraza, quen está pagando o capricho de David Castro, ademais obviamente dese traballador que ten dereito a unhas condicións dignas para desenvolver a súa labor, é a veciñanza. Porque o o señor Castro non conta é que nese cubiculo non ten que traballar unha persoa, hai que dar atención á veciñanza. Calquera persoa que queira acudir ao departamento de servizos sociais a realizar un dos numerosos trámites que realiza o educador familiar, debe reunir varios requisitos para poder ter un mínimo de intimidade nese “despacho”, un deles non ser moi grande, outro acudir en solitario. Dúas persoas non poden ser atendidas á vez nese cubículo, e se por exemplo a persoa usuaria vai en cadeira de rodas, xa non se pode atender alí, e ten que facerse no espazo público, e cousa similar se vai unha nai ou un pai cun bebe nun carro, que ou ten que deixar o carro e o bebe fora dese cubículo, ou ser atendida fora. Quizais a David Castro, moi dado a ter listas de usuarios de servizos sociais e a pedir datos das persoas usuarias do departamento de servizos sociais, está situación lle agrade, pero a nós non nos parece en absoluto aceptable.
Como tampouco nos vai parecer aceptable que os sindicatos rematen por levar este asunto aos xulgados, porque quen paga os custes desas malas practicas do señor Castro é a veciñanza. Polo tanto agardamos que de maneira inmediata David Castro cese nos seus comportamentos e persecucións a traballadores do Concello, e que poña solución á situación do educador familiar, para que esa persoa poida traballar de maneira digna e para que a nosa veciñanza poida recibir a atención que precise tamén de maneira digna e cos seus dereitos debidamente protexidos.
