David Castro, o oportunista que usa a alcaldía para a súa promoción persoal mentres ten Ribadumia abandonada.

    

  • Cambalache na Mancomunidade para que David Castro poida saír máis nos xornais e medrar no seu partido, a cambio de ser o monicreque de Gonzalo Durán.
  • David Castro, co Concello de Ribadumia abandonado, ausentándose dos plenos e da propia casa consistorial, pretende presidir a mancomunidade.

   Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa posición contraria, non xa a que David Castro sexa presidente da mancomunidade, senón tamén ás formas e a maneira de actuar do noso alcalde, e do resto desa camarilla, pois non se lle pode denominar doutra maneira, que se amorea ao redor de Gonzalo Durán.

   En primeiro lugar,  David Castro non nos parece persoa válida para desenvolver ese cargo, que implica moito traballo e capacidade de xestión. Para o caso de pretender cambiar á presidenta, do PP agardabamos unha aposta por alguén con algo máis de peso e capacidade, ademais de seriedade. David Castro ten o Concello de Ribadumia abandonado, ausentase de plenos de importancia capital como o do pasado 26 de decembro, cando se aprobou unha metedura de man na caixa de aforro da nosa veciñanza de máis de medio millón de euros, mentres el estaba de vacacións, e nin sequera é fácil encontralo no Concello, porque dedica máis tempo á empresa privada que ao servizo público, e iso a pesar dunha liberación de 1.500€/mes. Non só iso, David Castro foi o único alcalde reprobado por toda a oposición, incluído o PP, no pasado mandato, e acumula  millóns de euros perdidos en axudas doutras administracións. Non podemos confiar en que un alcalde que deixa morrer as instalacións públicas, incapaz cunha maioría absoluta de aprobar un orzamento anual ou as contas, que ten disparado o período medio de pago ás empresa, ou sexa que é mal pagador, que perde axudas económicas importantes por non facer ben os papeis, que permite obras ilegais a empresas amigas  e que alimenta conflitos entre os colectivos do noso Concello e non respecta aos representantes doutros partidos, estea en condicións de levar as relacións e accións conxuntas entre todos os Concellos da comarca.

   O PP está usando a Mancomunidade para intentar, aumentando a presencia na prensa a conta dun organismo que polas súas características non acostuma  a ter moitos conflitos, mellorar a imaxe dun alcalde que non ten peso político e que supón o maior Bluff do Partido Popular na nosa comarca. E dende a nosa formación non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar usando os organismos públicos para promover carreiras políticas.

   Ademais, non só está o PP manobrando para usar a Mancomunidade en beneficio de David Castro e para cumprir de paso os caprichos infantís de Gonzalo Durán, ademais para logralo está usando á Deputación de Pontevedra, a través da cal comprometeu postos e investimentos a José Asperez e Carlos Viéitez, comprando vontades con  cartos públicos, un uso partidista e interesado dos recursos públicos que non podemos compartir. Asperez por certo, nas súas primeiras declaracións desmontou pola tarde o dito por David Castro pola maña, ao falar de desagravios persoais e contra os seu partido como motivos do seu cambio de postura e non de ningunha suposta inestabilidade na Mancomunidade.

  A realidade é que David Castro sentouse diante dos micrófonos para, con cara de formigón, mentirlle á cidadanía. A suposta inestabilidade política á cal se referiu David Castro non existe. Certo é que nos dous plenos que se levan celebrado dende o inicio do mandato da Mancomunidade, por certo con contido de pura xestión interna e sen grandes decisións, o BNG dedicouse a saírse un pouco de tono con propostas e debates artificiais sen relevancia co claro obxectivo de gañar protagonismo, pero  hai que remarcar que todas as decisións se aprobaron co voto favorable da gran maioría de vogais, incluídos por certo os do PP, que votaron a favor de todo o levado a pleno pola presidencia e a Xunta de Alcaldes, no que levamos de mandato, pero tamén no anterior. Entón, se non hai desacordos na xestión e polo tanto non hai desacordos coa labor de Marta Giráldez, onde está a inestabilidade política? Onde está a mala xestión de Marta Giráldez que obrigue a forzar a súa saída da presidencia?

  David Castro fala de inestabilidade política e dunha maioría que o PP tampouco ten, só conta con tres alcaldes de  nove na Xunta de Alcaldes, que é a que decide o día a día da Mancomunidade, e dun apoio electoral que tampouco ten, menos el que perdeu a metade da súa masa de votantes nesta última cita electoral, por non falar de que na Mancomunidade non todos os vogais representan a un único partido, Asperez por exemplo sentase alí gracias ao apoio do BNG, e Silvia Álvarez, sendo socialista, logrou a cadeira co apoio de Xuntos, Somos Ribadumia e o BNG. Pero é que ademais David Castro falou, como fixo no seu día ao pasarse ao PP, dun suposto trato de favor da Xunta a cambio de que a Mancomunidade estea presidida por un alcalde popular. Terá o PP de Rueda explicar estes tratos de favor, pero máis aló diso a declaración cheira  a conto, porque tamén Ribadumia se ía beneficiar moito do seu paso ao PP e o único beneficio foi para  David Castro. Para o caso hai que recordar que os investimentos de maior importancia chegaron na etapa de Marta Giráldez de presidenta, e non gracias á Xunta, que nega financiamento a obras de importancia como a ampliación da depuradora de auga dende os tempos de Gonzalo Durán,  que moito fala pero no importante tampouco foi quen de facer nada. Polo tanto, a promesa de investimentos é outra falacia de David Castro.

   Queremos aproveitar por certo para felicitar a Gonzalo Durán pola súa epifanía política, pois despois de tratar a Carlos Vieitez de “Judas”, “traidor” e “transfuga” entre outros apelativos por supostamente entregar votos ao psoe fai catro anos,  pedindo e logrando a súa expulsión do PP , agora parece que veu a luz e  xa non ten tan claro iso do transfuguismo e da traición, nin que o señor Vieitez sexa tan mala persoa, e agradece os seus votos para colocar ao seu pupilo, co mesmo fervor que antes renegaba del.

   Por todo isto amosamos o noso apoio a Marta Giráldez, é pedimos respecto para unha institución que non foi creada para que Gonzalo Durán ande a enredar coas súas paranoias persoais, nin para promover carreiras políticas e personalistas. E a David Castro pedímoslle que se deixe de perder o tempo cos enredos doutros, e non intente gañar con fotos e presencia na prensa o que non logra con traballo. Que se poña a traballar por Ribadumia, que para iso o elixiron os veciños e veciñas de Ribadumia.

Deixar un comentario