David Castro convoca un pleno para coller 515.000€ da caixa e no canto de asistir, marcha de vacacións.

- Con escurantismo, ocultando documentación, convocando o pleno a horas de mínima repercusión e evitando a súa retransmisión a través das redes.
- Broma de mal gusto a Sérgio Soutelo, e grave falta de respecto institucional.
- David Castro, 1.500€ ao mes, pero aos Plenos que vaian os demais. El, de vacacións.
- 515.000 € para pagar facturas por non ter orzamentos.
O do pleno deste pasado 26 de decembro, convocado ao mediodía, non hai por onde collelo.
David Castro convocou un Pleno de carácter extraordinario para aprobar unha modificación de crédito de 515.000€. Xa de partida, que se convoque un pleno un 26 de decembro as dúas da tarde non nos parece moi razoable, tendo en conta as datas e o tempo necesario para preparar un pleno. Pero pasando o día e horas por alto, claramente pensadas para facer difícil tanto a preparación como a asistencia dos concelleiros e concelleiras da oposición e do público en xeral, temos que facer unha serie de apuntamentos.
O pleno convocouse como dixemos buscando pasar o máis desapercibido posible, ata o punto de non transmitirse pola canle municipal de YouTube, a pesar de telo anunciado. Algo moi lamentable, e indicativo da covardía de David Castro, que ten tanto medo á oposición e á opinión pública que usa calquera mecanismo que dispoña para evitar dar a cara publicamente.
Dende Somos Ribadumia asumimos os atrancos do señor Castro, ao fin tampouco agardabamos algo distinto. O que non podemos asumir é que non se fagan as cousas dentro dos mínimos legais. Teoricamente antes do pleno deberíase elaborar o correspondente expediente de modificación de crédito, neste caso por un valor de 515.000 €, destinado a pagar as consecuencias de non ter Orzamento no 2023, e os problemas da mala xestión e da conxelación administrativa na que vive o Concello, cun período medio de pago disparado ata os 50 días e coas empresas chamando a diario preguntando polas facturas pendentes. Pois ben, ese expediente non existe. O único que se lle pasou aos concelleiros foi un resumo de media ducia de liñas cunhas partidas bastante xenéricas, e os informes mínimos necesarios. Pero o noso concelleiro, vendo a escasa documentación aportada, solicitou acceder ao expediente completo e comprobar que os 515.000 € fan falla realmente e o destino que se dixo está tamén documentado.
Tal como explica o propio concelleiro, “Cal foi a miña sorpresa, cando ao chegar ao concello o pasado venres 22, antes do pleno, a secretaria do Concello me comunica que expediente “como tal, non hai” , e me pon diante un ordenador cunha longa serie de facturas, emitidas todas no último trimestre, pero que nada teñen que ver coa modificación de crédito. Unha broma de moi mal gusto, pero sobre todo un desprezo enorme cara a oposición e cara o partido ao que represento, pois nós ao Concello imos a traballar non a perder o tempo, e por extensión cara a veciñanza, que ten dereito a saber que se fai cos cartos de todos e todas”. A falta dun expediente completo onde figure toda a documentación relativa aos puntos a aprobar no Pleno é unha infracción grave do 42 da Lei de Bases do Réxime Local, que específica que “a documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que deba servir de base ao debate e, no seu caso, votación, deberá figurar ao dispor dos Concelleiros ou Deputados, desde o mesmo día da convocatoria, na Secretaría da Corporación”, por tal motivo antes do pleno solicitamos por rexistro a retirada da modificación de crédito da orde do día.
Pero David Castro fixo oídos xordos. E fixo oídos xordos entre outros motivos porque nin sequera estaba no Concello. Resultou que David Castro convocou o Pleno Extraordinario, pero unha vez tivo coñecemento de que boa parte da oposición non ía participar nese pleno, vendo que o seu voto non era necesario para aprobar o único punto a tratar, foise de vacacións. Dende Somos Ribadumia non podemos aprobar esta maneira de actuar, que nos parece totalmente irrespectuosa cara as persoas que forman a corporación, incluídos os seus propios compañeiros e compañeiras de partido, sen os cales a modificación de crédito non sairía adiante. “O señor Castro puido convocar este pleno a principios do mes de decembro, ou en calquera data na que el tivera dispoñibilidade para asistir sen entrar en conflicto coas súas vacacións, e despois, sabendo a situación sobre vida que tivemos e que tres forzas políticas solicitamos o aprazamento dese pleno, puido aprazalo uns días, que non pasaba nada. Pero, tendo todas as opcións, optou pola soberbia e o desprezo. O señor Castro debería recordar que os alcaldes teñen responsabilidades, e que os 1.500€ que cada mes lle paga toda a veciñanza non son para sufragar ese tipo de actitudes”.
En calquera caso o pasado 26 de decembro, con total escurantismo e case a porta pechada, o PP aprobou esta modificación de crédito, por certo co apoio do BNG. E aprobouse ademais coa ausencia de todas e todos os concelleiros da oposición, salvo a concelleira nacionalista. Unha situación que, remarcamos, David Castro sabía de antemán que se ía dar e os motivos, pero que non lle supuxo inconvinte, ao contrario, serviuse dela para asegurarse o resultado da votación. “Noutras circunstancias, temos moi claro que ao señor Castro non lle ía saír ben a xogada”.
Dende a nosa formación xa adiantamos que nos imos asegurar de controlar cada un deses 515.000 € e analizar co tempo que faga falla a onde van eses cartos, por se houbera no medio algunha irregularidade, que vistos os últimos comportamentos de David Castro, tampouco nos sorprendería.
