David Castro négase a precintar a nave ilegal de Cabanelas.

  • 3 meses despois de saír á luz o escándalo da nave ilegal , o Concello non fixo ningunha actuación.
  • David Castro mantén o silencio sobre unha obra que se alongou 3 anos sen ningún tipo de permiso municipal.
  • A nave, sen ningún tipo de permiso nin licenza de actividade, sigue funcionando como calquera outra que si teña todos os permisos en regra.

   No pasado setembro saíu á luz o escándalo dunha nave construída ao longo de tres anos, entre 2020 e 2023, nun terreo onde está prohibido, sen ningún tipo de permisos municipais co silencio cómplice de David Castro, que sabendo da actuación, no canto de actuar contra os promotores da mesma, optou por intentar unha modificación do PXOM municipal para facerlles un favor.

   Pasaron xa tres meses dende que saltara o escándalo, pero David Castro segue máis interesado en axudar aos propietarios deses terreos e desa nave que en defender os intereses do noso concello e en facer cumprir a lei. A nave, con orde de derribo de ditada pola APLU, carece de calquera tipo de licenza de actividade, non digamos xa de obra, e polo tanto o alcalde debería proceder ao seu precintado. Pero, en verbas do noso concelleiro Sergio Soutelo “o señor Castro segue mirando para outro lado, e ao facelo non solo se pon do lado de fora da lei, tamén actúa con falta de respecto cara o resto de empresas que teñen que pagar licenzas e permisos para poder facer a súa actividade e cara eses veciños que tendo terreos non poden facer unha casa por que o Concello non lles da permiso”.

   A lei debe ser para todos e para todas igual, e a aplicación da lei tamén. Recentemente vimos como o alcalde dun concello veciño, neste caso Meaño, precintaba unha nave por carecer de licenza de actividade. Pero pola contra David Castro arriscase a coller un cabaleiro de tanto mirar para outro lado, e a algunha que outra consecuencia legal, ante unha actuación que non se pode tapar, nin por dimensión nin por tamaño, e ante a que un alcalde debe actuar, dende o primeiro momento e con corrección e acorde á lei, non intentado entrampar e usar os recursos públicos para modificar o PXOM a medida de quen se pasa a lei polos forros.

   Esiximos a David Castro explicacións públicas e tamén que actúe  como corresponde ao seu cargo, e recomendámoslle que se aplique a sensatez que tanto pide aos demais. Poñerse do lado de fóra da lei ten consecuencias, por moito carné do PP que teña.

Deixar un comentario