As obras do punto limpo deixan á veciñanza sen servizo nunha das épocas de maior uso, e causan problemas ao Club Ciclista Ribadumia.

- O punto limpo, leva pechado case dous meses, sen que o Concello habilitara unha alternativa.
- En todo o período de Nadal, o punto limpo vai estar inhabilitado, e posiblemente non volvamos ter servizo ata marzo.
- 287.000 € nunha obra que era de todo menos prioritaria, para o caso de que fixera falta, que nós consideramos que non.
- O Club Ciclismo Ribadumia, coa escusa das obras leva o castigo de David Castro: unha lameira na entrada do campo de adestramento e a auga pública cortada.
- David Castro e Miguel Castro, polo medio das obras sen casco nin calzado de seguridade.
Imos comezar este comunicado polo final. David Castro e Miguel Castro fotografíaronse na obra que se está levando a cabo no punto limpo, paseando polo medio da mesma sen un so elemento de seguridade posto, nin casco, nin calzado de seguridade, por nomear o máis evidente. Un comportamento o destes dous por certo recorrente. De partida, antes de nada, o noso concelleiro Sergio Soutelo recórdalle aos señores Castro que “ a lei é para todos, e as leis de seguridade nas obras son de obrigado cumprimento para todo o mundo, por moi alcalde e concelleiro que un sexa. Esta maneira de andar como se todo fora deles sen ter en conta a súa propia seguridade é moi grave, e pode ter consecuencias para eles, para a empresa adxudicataria da obra e para o propio Concello, que é o responsable último. Un alcalde debería ser máis prudente e responsable”.

Volvendo sobre a obra do punto limpo, queremos remarcar as consecuencias negativas que esa obra que está tendo na veciñanza. Comezando pola xeralidade, o Punto Limpo foi pechado sen aviso previo, e case dous meses despois, David Castro fíxose fotos, pero tomou moito coidado de non dar data de volta a posta en marcha, que dificilmente será antes de marzo, pois a obra iniciouse mediado outubro, ten 154 días de prazo de execución, e non parece que vaia avanzando a un ritmo particularmente acelerado, polo que a veciñanza vai estar meses sen ter onde depositar o lixo que non ten cabida nos contedores normais e os enseres de máis volume, algo que quizais no rural non o sexa tanto, pero nos pisos é un problema. Máis aló do uso normal do punto limpo, o Nadal é unha data de moitas compras e moito lixo, sobre todo cartón, plástico e vidro, e nestas datas moita xente opta pola comodidade do punto limpo, sobre todo porque moitos contedores que xa nos días normais se enchen en pouco tempo, nesas datas nas que o goberno apenas reforza o servizo fican inutilizables a maior parte do tempo, sendo punto limpo a unica alternativa responsable de xestionar todo o que se acumula nas casas neses días. Pero polo visto a David Castro todo isto dálle igual. “Pola nosa banda, non podemos compartir esta visión, dando por feito que a veciñanza ten que apandar co que lle poñan diante. O punto limpo non é un capricho nin un favor que se lle fai aos veciños e veciñas, é un servizo necesario e son os veciños e veciñas os que actúan responsablemente acudindo a el no canto de tirar o que non ten cabida nas súas casas en pistas e cunetas”.
Dende Somos Ribadumia asumimos que as obras causan molestias, pero un alcalde debe ser previsor, e buscar alternativas ou solucións temporais para minimizar os danos. Non foi o caso de David Castro, que nin dispuxo dun lugar onde almacenar temporalmente parte do material habitual que queda no punto limpo, nin buscou alternativa ou axuda en concellos limítrofes. “non fai falla pensar moito. Chegaba con trasladar as bañeiras do punto limpo e os depósitos de outros residuos á explanada do almacén municipal de maneira temporal, por exemplo, para minimizar os incomodos á veciñanza. Outra alternativa, sen darlle moitas voltas á cabeza, era chamar ao alcalde de Cambados, que aínda que sexa do PSOE non morde, e buscar un acordo para compartir temporalmente o punto limpo de Cambados, moi próximo a Ribadumia, cando menos para a recollida de todo o que non vai aos contedores habituais”.
Pero como sempre, David Castro fai e desfai para adiante, e os veciños e veciñas teñen que pagar as consecuencias do seu desleixo e da súa incompetencia.
E non só os veciños en xeral. O Club Ciclista Ribadumia está pagando sen ter culpa de nada as malas xestións de David Castro. Por unha banda, os acopios de terras resultantes da obra estanse realizando na entrada – que facía funcións de aparcadoiro – do campo de adestramento, onde case a diario adestran os nenos e nenas dese club, sen perimetral para evitar problemas e creando unha lameira que dificulta o paso a coches, nenos e adultos. Por outra banda, o Concello ten cortado dende fai semanas o servizo de auga pública nesta instalación, non se sabe se por causa das obras ou por outro motivo, pero non se resolve, cos incomodos que iso ocasiona ao club. “Seguro que se isto pasara a outro club do noso concello, non tardaba o señor Castro en resolver o problema nin media hora, aínda que tivera que levarlle a auga el mesmo a caldeiros, pero unha vez máis, en Ribadumia hai clubs de primeira e clubs de segunda” .
Dende Somos Ribadumia non compartimos esta maneira de actuar, castigando a unha entidade deportiva coa escusa dunhas obras. E por suposto, Sergio Soutelo xa presentou un escrito solicitando que de maneira inmediata se solventen os problemas que esta pasando esta entidade, que adestra nunhas instalacións municipais e polo tanto ten o mesmo dereito que calquera outra a ter uns servizos mínimos.
Por último, unha nota sobre esta obra, valorada en 287.000€, sumado a unha obra anterior para pechar a finca, vai superar de longo os 300.000 . Un investimento que enterra os moito investimentos anteriores, algúns como as xaulas para residuos electrónicos, moi recentes. Non temos nada en contra de ningunha obra, pero si temos claro que o punto limpo de Ribadumia non precisaba unha ampliación, pois foi actualizado no mandato no que Enrique Oubiña e Pepe Lede levaron urbanismo e medio ambiente respectivamente; o que precisaba era estar correctamente atendido e xestionado, que se valeiraran os contedores e as bañeiras de maneira habitual e non cando aparecían pancartas. Xestión, non obras. E dende logo, de nada vai servir un punto limpo máis grande se a xestión vai ser a mesma, unicamente para tirar cos cartos e converter unha morea de lixo grande en outra morea de lixo aínda máis grande.
