O concurso de carrozas de Reis, nin novidoso nin atractivo para os colectivos.

  • Despois de anos perdendo relevancia, David Castro rectifica e volve ao sistema de concurso de carrozas de Nadal impulsado por Salomé Peña.
  • O concurso, pobre e escaso de recursos, vai repartir menos fondos dos que repartiu  Salomé Peña no 2015.
  • 300€ por participar, e 400€ para o primeiro Premio, parécennos cantidades moi pobres e pouco atractivas.
  • Animamos aos colectivos a participar.

Vaia por diante que dende Somos Ribadumia, como non ía ser doutro xeito, animamos igual que sempre a todos os colectivos do Concello a participar en todas as actividades que se organicen no Nadal. Ao final, os beneficiados son os nenos e nenas de Ribadumia, pero tamén o propio comercio e hostalería locais.

   Dito isto, debemos expresar as nosas reservas ante o concurso de carrozas de Reis organizado polo goberno de David Castro. De partida, o concurso non ten nada de novidade. O Concello de Ribadumia realizou concurso de carrozas durante os últimos catro anos de mandato de Salomé Peña. E de feito, Enrique Oubiña, que foi concelleiro na oposición nese mandato, recorda que “máis  aló de críticas puntuais por cuestións cos pagos dos premios, o formato en xeral tiña amplo consenso político e da cidadanía, con moitos colectivos implicados”. Este consenso rematou cando David Castro se encirrou en cambiar de formato, deixando fóra a varios dos colectivos habituais. Un cambio que recordamos non contou co apoio de Somos Ribadumia, que defendemos a permanencia do formato existente, unha posición que co tempo e  co cambio de criterio oito anos despois de David Castro, se demostra acertada.

  Agora parece que David Castro quere rectificar, pero racaneando os recursos económicos. O concurso de carrozas organizado polo goberno de Salomé Peña, sen ser ningunha marabilla, tiña premios algo mellores e en conxunto maior aporte económico que o formato posto en marcha polo  goberno de Castro oito anos despois. En verbas do noso concelleiro, Sergio Soutelo, “parece que o señor Castro non escoitou falar do IPC, e non ten en conta o que custan as cousas. 300€ de axuda para montar unha carroza parécenos pouco, a señora Peña no 2014 xa daba 200€, e dende aquela a suba de custes de materiais foi importante” .

   E non só se queda curto, ao noso parecer,  o apoio a elaboración de carrozas. Os premios resultan menores que os ofrecidos por Salomé Peña na súa última convocatoria. En concreto Salomé entregou 600€ ao primeiro premiado, 400€ ao segundo e 200€ ao terceiro, unha cifra que no seu día xa levantou críticas  por escasas. Agora David Castro ofrece premios de 400€, 300€ e 200€, unhas cantidades moi baixas.

    En total, o Concello destina 900€ en premios a este concurso, 300€ menos que  os 1.200€ que Salomé Peña dedicou a este concurso. Pero con independencia da comparación, á hora de organizar un concurso destas características o Concello debería valorar que ademais do custe económico que supón montar unha carroza cuns mínimos, un custe que non baixa dos 1.000€,  están as moitas horas de traballo voluntario necesarias, realizadas de maneira altruísta por persoas que teñen vidas e traballos e que no caso de facer algo así, van facelo poñendo cartos do seu peto e sacando horas do seu tempo libre, e pasarán despois a tarde de reis no desfile podendo estar de público ou atendendo á súa familia, polo que aínda que entendemos que falamos de darlle unha axuda aos colectivos que realicen carrozas, non de pagar a construción completa das mesmas, sería de agradecer que cando menos o pau económico recibira unha axuda que resultara atractiva, e que os premios tiveran peso suficiente como para animar aos colectivos.

  E non é unha cuestión de partidas económicas, senón de prioridades. David Castro non ten problema en gastar canto faga falla para apoiar ao Arousa Fútbol 7, por exemplo, e unha soa actuación na Festa dos Maiores xa custou case tanto como o que se vai gastar en premios nese concurso. Entendemos que vendo o que se gasta noutras cousas menos relevantes para as nenas e nenos do noso Concello, ben podería o señor Castro arrimar un pouco máis para mellorar o desfile de Reis do noso Concello, algo que sempre  irá ben, sobre todo se temos en conta a aposta pola campaña de Nadal que nos últimos anos fixeron outros Concellos e da cal Ribadumia quedou fóra. Ao noso entender, xa é hora de ir espabilando.

Deixar un comentario