Os datos probados sobre a modificación do PXOM que David Castro oculta.

- A documentación non deixa lugar a dúbidas sobre a intencionalidade dos actos de David Castro.
- Unha empresa leva dende 2020 obrando de maneira ilegal, sen ter nin un só permiso en tempo e forma, e actuando sen que o Concello faga nada.
- A modificación do PXOM é un intento descarado de querer favorecer a esa empresai.
Xa no seu momento valoramos a espantada de David Castro no relativo ás continuas retiradas da Orde do Día do pleno dunha modificación do PXOM que David Castro pretende aprobar pero que por varios motivos, vai aprazando.
Ata o de agora, agardando a ter toda a información , ou cando menos toda a que o Concello puidera aportarnos, quixemos ser cautos. Ademais, temos moito interese por escoitar os argumentos do alcalde para defender unha actuación dende o noso punto de vista busca a legalización dunhas obras e dunha nave de notables consideracións, todo elo realizado fora de toda lei, tanto que conta cunha orde de derribo da APLU.
Pero vista a situación e que o señor Castro opta polo escapismo, queremos deixar claras dúas cousas: os feitos comprobados documentalmente, que polo tanto non son nin opinións nin posicións políticas, nin moito menos unha interpretación dos feitos, e a nosa posición ao respecto.
Entre o ano 2016 e o xaneiro deste 2023 pasaron varias cousas en relación coa finca na que se encontra a nave da discordia. Coa documentación aportada polo Concello a cadea de feitos é a seguinte:
- O propietario anterior solicitou ao Concello no 2016 un informe da situación urbanística da finca, que recibiu como resposta que parte da finca estaba en chan non consolidado do polígono industrial, o resto en rústico (de especial protección).
- Nalgún momento a finca cambiou de mans, e quen a comprou adquiriu máis parcelas, ata chegar aos case 5000 metros.
- A principios de 2020, quizais antes, o novo propietario comezou obras de recheo e peche de toda a súa propiedade, se pedir ningún tipo de permiso.
- O concello non fixo nada, e non actuou ante uns movementos de terra moi evidentes.

- Pero o 27 de febreiro dese 2020 o SEPRONA presentouse na obra, un recheo e un muro enorme que como dixemos non tiña permisos e redactou denuncia.
- Ao día seguinte de pasar o SEPRONA o propietario presentou unha comunicación previa para facer un peche e igualar o terreo, que non tiña validez ningunha debido as características da obra.
- Ao chegar a denuncia do SEPRONA ao Concello, o 13 de marzo, este actuou e decretou en base a informes técnicos paralización de obra e facer a solicitude correctamente, con proxecto e todo o necesario. Isto foille comunicado á empresa o 4 de maio. Nese tempo a empresa non paralizou as obras e o Concello tampouco deu orde de precintar a obra.

- A empresa presentou documentación alegando que a finca está no polígono, cousa, que non é certa.
- O arquitecto municipal asina un informe o 6 de agosto onde solicita da alcaldía que se realice un informe xurídico ou que se fagan consultas á Xunta de Galicia para clarificar a situación desas parcelas. O que non fai o alcalde é dar trámite á solicitude de obra nin tampouco mandar paralizala, de feito a empresa seguiu avanzando coas obras como si nada.
- O concello, pois, non fixo nada, nin sequera atendeu aos requirimentos do arquitecto municipal, e o proceso quedou na administración local paralizado.
- Recalcamos que ninguén do Concello volveu pola obra a comprobar que estivera paralizada como se ordenara, e os propietarios das parcelas seguiron obrando como se non pasara nada, pois como xa dixemos, o Concello tampouco mandou precintar a obra en ningún momento.
- O 4 de xuño de 2021 aparece en escea a APLU, que detecta nesa finca unha nave en construción. Unha nave nun estado de obra xa moi avanzado, como demostran as fotos que figuran no propio informe da APLU, e que ata ese momento non tivera ningún tipo de intervención da administración local. O resultado de todo o proceso iniciado pola APLU é que en xaneiro de 2023 a APLU decreta a demolición da nave e reposición da legalidade. O 27 dese mes de xaneiro o Concello recibe da APLU o decreto completo, que resulta demoledor en canto a situación de ilegalidade desa nave e do resto de obras de acondicionamento realizadas.
- No medio disto, o 9 de xullo de 2021 a empresa propietaria da nave presenta proxecto de edificación no concello, pero non consta ningún tipo de actuación municipal, nin concesión ou denegación do permiso, nin requirimento de documentación nin tampouco ningún expediente de paralización da obra ou reposición da legalidade.
- Tamén non medio disto – oh casualidade! – comeza a tramitación documental da modificación do PXOM, pero sen que o goberno local llo comunique a ninguén, non se fai público ata maio do 2023 que se intenta levar a pleno a todo correr e entregando so parte da documentación, sendo paralizada a manobra polas protestas da oposición.

- A quen o goberno si informou de que se estaba tramitando a modificación do PXOM é aos propietarios da finca, que expoñen ese feito como argumento ante a APLU para intentar parar o expediente de derribo. Isto é dunha enorme gravidade, porque un proceso así non se pode poñer en coñecemento dun particular antes de poñelo en coñecemento de toda a cidadanía, e facelo así pode implicar un trato de favor.
En resumo, no período de tempo que vai dende inicio do 2020 ata o día de hoxe, unha empresa empezou a obrar, e obrou con total impunidade recheando unha parcela de preto de cinco mil metros cadrados, pechándoa en todo o seu perímetro cun muro de considerables dimensións, levantou unha nave de aínda máis considerables dimensións, deulle contido e iniciou actividade na mesma. A día de hoxe esa nave non foi precintada, nin moito menos foron precintadas as obras que se realizaron neste tempo. David Castro permitiu que isto acontecera sen mover un dedo.

David Castro, tendo constancia da APLU da construción da nave, non actuou contra a construción, e fixo como que non sabia nada, ignorando incluso unha solicitude de permiso de construción presentada polos propietarios da nave, pero puxo en marcha un proceso de modificación do PXOM que vistos os feitos, ten a clara intención de axudar na legalización desa nave, ata o punto de informar aos promotores desa obra ilegal de que o proceso de modificación do PXOM estaba en marcha para que puideran usalo nas súas alegacións ante a APLU.
En maio de 2023 o Concello intenta levar a pleno unha modificación puntual do PXOM para incluír a finca, e outras varias dentro do polígono industrial nun claro intento de disimular as súas intencións reais. Pero retira o tema e nin sequera o inclúe na orde do dia do pleno porque na Comisión Informativa a oposición advertiu da falta documentación. Ademais, nese momento David Castro xa non tiña asegurada a maioría dos votos ao faltar do seu equipo dúas concelleiras.
En setembro volve intentalo ocultando a situación da nave, e volve retiralo está vez coa escusa de que non se entregou ben a documentación aos concelleiros, logo de que o psoe a ultima hora pedira documentación específica que precisamente se refería a esa nave.
En novembro volve retiralo, con outra escusa peregrina, logo de que se fixera pública a situación da nave, e a oposición ao completo anunciara que ia votar en contra e falara de ilegalidade e falsidade documental.
Na documentación da modificación do PXOM que se pretende levar adiante non se refire en ningún momento á existencia de edificacións ilegais e con orde de derribo, e refírese aos terreos a incluír na modificación como eucaliptal e terreo ermo nun sitios e como terreos sen uso noutros. Esta falsidade non só se recolleu na memoria da modificación, senón que se incluíu entre a documentación que se tramitou ante a Xunta para obter os informes sectoriais necesarios.
A nosa conclusión, cos documentos aportados polo propio Concello, é que se está intentado favorecer a unha empresa particular que ten unha nave en situación ilegal e con orde de derribo pendente de executarse, intentado modificar a calificación do terreo no que está. Se os documentos non foran bastantes claros, que o son, quedan confirmados os feitos polo silencio de David Castro, que non se atreve a dar explicacións públicas, nin ante o Pleno Municipal. E obviamente, a nosa posición neste tema é moi clara: non podemos estar de acordo con esa maneira de actuar, non podemos estar de acordo con que se usen recursos públicos, cartos de todos, para favorecer a unha empresa que actúa fora da lei.

