David Castro acovárdase e da marcha atrás por 3ª vez na modificación do PXOM.

  • Coa mala escusa da moi acaida enfermidade dunha concelleira retirou o punto da orde do día.
  • Tiña maioría suficiente co seu voto de calidade, pero tamén tivo medo suficiente, e non quixo quedarse só na votación.

   4 de maio, 7 de setembro e 2 de novembro. En tres ocasións nos últimos seis meses quixo David Castro colarlle á veciñanza unha modificación do PXOM e nas tres colleu medo e retirou o punto. En Maio xa non chegou a incluílo na orde do día logo de que nas Comisións Informativas previas a oposición puxera o grito no ceo porque faltaba a maior parte da documentación para o trámite. Naquel momento pretendía ocultar  parte da documentación necesaria para levar o tema a pleno e xa veu vir, porque sabía e sabe o que pretende facer, un escándalo a dúas semanas escasas das eleccións.

  O segundo intento foi no pleno de setembro. Nese caso retirouno coa escusa de que varios concelleiros solicitaron a retirada do punto por non ter acceso a toda a documentación en tempo e forma. Non foi certo. Sergio Soutelo foi un dos concelleiros que solicitou a retirada do punto, porque sabíamos que pasaba algo raro e que David estaba mareando coa documentación por algún motivo, pero na mañá do pleno tivemos confirmación de que o punto non se ía retirar. Foi a petición de documentación específica poucas horas antes do pleno por parte doutro partido o que meteu medo a David Castro, que ao inicio do pleno, dicindo que non compartía o que expoñan os escritos de solicitude de retirada, retirouno igualmente.

  E no pleno deste xoves volvemos asistir ao terceiro ataque de pánico de David Castro.

Desta volta había unha solicitude de retirada dese punto, pero non foi ese o motivo. David Castro négase a admitir que o que quere facer non está ben, chegando a absurdos como o vivido ao inicio do pleno, cando retirou o punto da Orde do Día alegando que faltaba unha das súas concelleiras e non lle daba a conta para aprobar a cuestión.

  Porque iso non é certo. Tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “ David Castro contaba o xoves con seis concelleiros, os mesmos que a suma da oposición. Iso en primeira votación podería dar un empate. Pero non é certo como expuxo  a secretaria municipal, á que vou ter que regalarlle un exemplar da lei de bases do réxime local, que o voto de calidade do alcalde se puidera invalidar. Iso só pasaría se o alcalde pretendera facer valer ese voto de calidade en primeira votación. Pero non se se fan as cousas ben, isto é:  se se da unha primeira votación con empate, sométese a unha segunda votación, e só nese caso , habendo un segundo empate o alcalde pode decidir co seu voto de calidade. En Ribadumia, con David Castro na alcaldía, eu recordo como mínimo dúas ocasións nas que aconteceu isto, e resolveuse  como corresponde, e en ningunha delas se puxo en dúbida a validez do aprobado”. De feito, aínda que existen situacións onde o voto de calidade non se pode computar, a secretaria non dixo que este fora un deses casos ou que o voto de calidade non fora válido, dixo que “quizais nun xulgado se puidera anular” .

   A realidade do que pasou, foi que David quería unha escusa, pero non quería enfermar a dous concelleiros, por si acaso perdía a votacións dos outros puntos do pleno que por certo non retirou estand nas mesmas circunstancias, e non quería tampouco que o seu voto fora o que decidira nesa cuestión, porque o poría como case o único responsable político, e  en caso de haber consecuencias legais, non podería repartir as culpas coa súa comparsa de concelleiros e concelleiras. Iso ou quizais había membros do seu equipo que non pensaban votar a favor. Nós iso non podemos sabelo, o que si sabemos é que se o voto de calidade do alcalde chega a decidir nesa cuestión, os dedos todos sinalaríano, aínda máis, a el como responsable único.

  Dende o noso punto de vista o xoves miráronse todas as costuras do goberno do señor Castro. Tal como explica o noso concelleiro, Sergio Soutelo “ Tivemos unha Comisión Informativa este luns, antes outra en setembro e antes desa outra en maio. Antes desta ultima, varios partidos tivemos acceso a toda a documentación, a aportada e outra solicitada por nós coa que todo quedou xa ao descuberto. Nesta última Comisión, como nas anteriores, púidose poñer enriba da mesa todo, e cando digo todo refírome a toda a documentación e á realidade do que quere facer, e buscar unha solución que non implicara  facerlle un favor a un amigo que actúa fora da lei, por exemplo retirar de toda a modificación que se pretende facer  a parte da ampliación de terreos posta en entredito e sacar o resto adiante, seguramente sen maior problema”. O normal nos gobernos serios é que as modificacións de PXOM, que son sempre complexas, se intenten consensuar coa oposición, e a realidade é que en Ribadumia esta sería a quinta, e coas formas deste alcalde, a única que tería o voto negativo de toda a oposición.

  Que David Castro estea encirrado en aprobar esa modificación desa maneira, para nós confirma que o único que busca é facerlle un favor a quen está actuando fora da lei. Algo co que nós non podemos concordar.

Deixar un comentario