Lamentamos a situación creada co Xuventude Sisán pola ineptitude de David Castro á hora de xestionar os espazos públicos.

  • O Xuventude Sisán optou pola vía xudicial ao non ter respostas do goberno local.
  • As instalacións deportivas son municipais, e é o alcalde quen debe evitar os conflitos e quen debe xestionar o seu uso.
  • Lamentables declaración de David Castro poñéndose de lado dunha entidade  deportiva e desprezando a outra.
  • Suma e sigue nos problemas de David Castro coas entidades municipais.

   A fin de semana pasada a Asc. Pole Sport poñía de manifesto queixas contra David Castro por trato desigual. Menos dunha semana despois o Xuventude Sisán de Fútbol saca a luz un desencontro con David Castro que os obrigou a acudir a un xulgado para defender o que eles consideran que son os seus dereitos. E acudiron segundo eles logo de que o alcalde evitara darlle solución a diversas problemáticas, todas elas relacionadas co uso das instalacións da Senra.

   Sen entrar no fondo da cuestión xudicializada, dende o noso partido debemos lamentar a falta de capacidade para o dialogo e de xestión de David Castro, e tamén a súa incapacidade para mediar entre dous clubs deportivos. De feito, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, que xa viviu na súa etapa de concelleiro problemáticas por desencontros entre entidades deportivas do noso concello, “os dous  problemas de fondo, esta vez e outras veces, son por un lado que David é incapaz de tomar decisións e de xestionar, e polo outro que comete o terrible erro de  priorizar a un club deportivo do Concello por enriba dos demais, e cando xorden problemas David Castro non se atreve a manter unha posición de neutralidade, e moito menos a e mediar para solventar os problemas. E un alcalde non pode ter preferencias, debe ser neutral no trato coas entidades deportivas, e por suposto, debe solucionar problemas, non acrecentalos”.

  Convén recordarlle ao alcalde que as instalacións deportivas do Concello, todas elas, a día de hoxe son municipais. Polo tanto, é o Concello, e en definitiva o alcalde, quen debe xestionar o seu uso, e ese uso debe dar cabida a todas as entidades deportivas existentes, un uso que ademais como é natural debe ir cambiando co paso do tempo, e coa aparición e desaparición de entidades deportivas. Sergio Soutelo teno claro “non fai nin unha semana que tivemos unha Festa do Deporte. E no palco, o señor Castro falou marabillas da importancia do deporte e do bo que era ter clubs deportivos no Concello e da importancia das máis de cincocentas fichas deportivas que contan os clubs locais. Pois señor Castro, se queremos clubs de fútbol, temos que deixarlles que usen as  instalacións. Porque instalacións hai”.

 Pedímoslle a david Castro que faga o seu traballo, e remate con este despropósito de que unha entidade leve ao concello ao xulgado. E  se non se ve capacitado ou ten medo de falar con determinadas entidades, mellor que se vaia para a casa e deixe gobernar a xente con capacidade para facelo.

A lamentable posición de David Castro.

  Dende Somos Ribadumia non podemos compartir as penosas declaracións de David Castro aos medios de prensa, por dous motivos. O primeiro por que son declaracións partidistas, onde David Castro prioriza os supostos dereitos de  unha entidade por enriba de outras. Ademais con pouco criterio. O Xuventude Sisán é hoxe por hoxe o segundo club local en socios, so superado polo Umia , e con mais socios que o C.D. Ribadumia. E se falamos de relevancia local o Xuventude Sisán é o club que máis público mete nas gradas nos partidos en campo local. Isto ao Xuventude Sisán non lle da máis dereitos que a outras entidades, por suposto, pero tampouco menos, nin moito menos os relega a club de segunda clase. Falamos en todos os casos de clubs federados que teñen afección e socios e socias ribadumienses que queren ir a velos xogar a un campo, a un campo que estea no noso concello. En verbas de Sergio Soutelo, “un  alcalde non pode distinguir entre clubs con pedigree e clubs palleiros, e moito menos amosar publicamente preferencias. Iso é lamentable”. E dende logo, non existe “preferencia de uso por dereitos históricos sobre o campo”, nin no caso do campo de A Senra nin con respecto a ningunha instalación municipal. Esas declaracións de David Castro son unha falsidade que unicamente sirve para crear máis conflicto. Todas as instalacións municipais son da veciñanza, non pertencen a ningunha entidade.

  En segundo lugar, David Castro anda moi perdido. En Ribadumia xa  existe un regulamento de uso de instalacións deportivas. E todas as entidades e mesmo os particulares teñen dereito a usar calquera instalación que soliciten. Tamén existe un convenio de cesión que da uso prioritario  C.D. Ribadumia nas instalacións da Senra, pero “prioritario” e “único” son termos distintos. E  o convenio tampouco está gravado en pedra nin é intocable, pode modificarse ou suspenderse cando sexa necesario. Foi feito nun momento concreto, pero as circunstancias mudaron e o Concello  debe adaptarse as novas realidades, unha delas a existencia de tres clubs de fútbol federados, os tres cos mesmo dereito a usar instalacións públicas financiadas e mantidas con fondos públicos.

   Ademais, se a vía xudicial aberta polo Xuventude Sisán vai adiante e un xulgado establece as  pautas, tanto dará os supostos “regulamentos” que pretenda elaborar David Castro, porque o xulgado será o que decida.

   Pola nosa banda, existe un problema coas instalacións deportivas, pero non especificamente coas da Senra, que coa correcta xestión poden dar cabida a dous clubs deportivos, particularmente se un deses clubs unicamente xoga nunha categoría e non conta con equipos de base. Non esquecemos que o propio Ribadumia tivo non fai moitos anos un segundo equipo absoluto. O único que se precisa é un alcalde que traballe e xestione, que dea a cara e que medie para chegar a un acordo que permita que todas as partes implicadas poidan facer uso de xeito compartido dunha instalación, sen necesidade nin de trifulcas nin de actuacións xudiciais.

   Dende o noso punto de vista queremos pedirlle a todas ás partes implicadas, en particular as entidades deportivas, pois David Castro está claro que non aporta nada e aínda pode complicar as cousas, cabeciña e sentido. Unha solución negociada e con acordo e unhas boas relacións entre entidades  son  moi preferibles a unha solución xudicial. A competitividade e a rivalidade deben quedar nos terreos de xogo.

Deixar un comentario