O PP deixa a  Ribadumia outra vez sen investimentos.

  • Nin rastro dos supostos investimentos que David Castro ía lograr pasándose ao PP.
  • O CPI Xulia Becerra Malvar, a medio arranxar, obras de infraestruturas en estradas da Xunta sen rematar, os problemas urbanísticos de Ribadumia sen solucionar, sen pediatra metade da semana, e con problemas de subministro de auga no verán, e sen Punto de Encontro Familiar, outro ano máis.
  • A legalización do folla redonda, sen recursos.

   David Castro declarou cando deu o paso ao PP que o facía para favorecer investimentos para Ribadumia. Pois atendendo aos orzamentos da Xunta para o ano 2024, ou David Castro mentía descaradamente ou o PP riuse del na súa cara, ou ambas cousas.

   Ribadumia non existe no relativo a investimentos reais da Xunta de Galicia, e outro ano máis os únicos cartos que virán para o noso concello serán os que procedan das partidas anuais fixas, e algunha das disposicións que presidencia fai a dedo, se é que chega algo diso, que permitirán a David Castro facer algunha chapuza coa que pagar favores electorais. Pero máis aló diso Ribadumia fica fora dos orzamentos.

  O CPI Xulia Becerra Malvar segue con graves carencias, algo admitido polo propio David Castro, pero a mesma  Xunta que dispón de máis de cinco millóns de euros para obras en varios centros educativos da comarca, non dedica un so euro ao noso colexio. Tampouco vai gastar a Xunta cartos en reforzar a atención pediátrica no centro de saúde, polo que seguiremos coa atención reducida, para o caso de que non perdamos tamén iso. Non hai investimentos en infraestruturas, non hai nin partidas para rematar obras iniciadas pola propia Xunta en vías que lle son proias como a do lugar de A Costa en Leiro. E da obra de reforma do bombeo de Cabanelas, cartos aparecen, como o ano pasado, pero non sabemos en que se gastan porque o que non aparece por ningún lado é a obra. Veremos se ao longo deste ano se move algo, ou se temos que agardar ás próximas eleccións municipais.

   Ribadumia ten outras problemáticas que precisan investimentos: problemas urbanísticos, a falta de terreo industrial, infraestruturas públicas que precisan actuacións como o campo de A Bouza, ou zonas con problemas no subministro de auga que fan que no verán queden sen presión ou directamente sen auga,  por poñer algún exemplo. Neste  aspecto compre dicir que para resolver os problemas obviamente hai que telos identificados e cun plan de actuación, e despois loitar polos fondos, e nada disto fixo o goberno de David Castro, que moito dixo que negociara a favor de Ribadumia pero cada día queda máis claro que o único beneficiado do seu paso ao PP foi el mesmo. Con isto queremos dicir que a Xunta non mira nada por Ribadumia, pero   o alcalde que é quen debería estar día si e día tamén en Santiago loitando por conseguir investimentos para o noso concello, dedica o seu tempo á súa actividade privada e aos eventos ludico-festivos.

   Por outra banda, hai cuestións que sen ser un investimento directo no noso concello, si nos afectan. E tamén nesas cuestións o PP volve deixarnos abandonados. A ampliación da capacidade de almacenaxe de auga en Treviscoso é urxente, pero o PP mira para outro lado. Tamén é urxente solucionar os problemas de dotación de auga ao Grove e á Illa da Toxa, que permitirían anular o atranco de Cabanelas de maneira definitiva, e evitar os problemas de todos os veráns e avanzar na recuperación medioambiental do río Umia.

   Cuestións de carácter máis social como un moi necesario Punto de Encontro Familiar na nosa comarca, comprometido polo goberno do PP fai xa anos, pero do cal non vemos nin a intención, a falta de prazas no centro ocupacional de Saiar, para persoas con discapacidade, ou o nulo investimento en prazas públicas de atención xeriátrica, son exemplos que demostran que o PP non quere investir cartos no Salnés ao mesmo ritmo que inviste en comarcas onde ten máis presenza política.

A legalización do folla redonda, sen recursos.

  E non podemos obviar tampouco inexistencia dun plan e recursos para a legalización do folla redonda. Nós non contabamos con nada diso, porque ningún político do Partido Popular comprometeu fondos, nin sequera o  conselleiro de Medio Rural, José González cando estivo antes das eleccións de rolda fotográfica polo noso Concello, pero aproveitamos para recordarlle a David Castro que sen fondos para realizar os traballos técnicos, a uva non se pode legalizar.

 En conclusión, tanto ten que David Castro estea no PP como que non estea, porque non ten capacidade de xestión e o seu peso político é totalmente irrelevante, tanto como os investimentos da Xunta no noso concello.

Deixar un comentario