O PP pretende levarnos case 500.000 €/ano polo mantemento da depuradora, e o noso alcalde de xira fotográfica.

- Augas de Galicia pretende o cobro de 200.000 € polo uso da depuradora cada seis meses, enriba do que xa paga a veciñanza ao Concello e do canon de saneamento da propia Xunta.
- Á mesma hora que a FEGAMP se reunía para tratar este asunto con outros concellos afectados, David Castro andaba de xira fotográfica e pinchos no Parador de Cambados.
- David Castro pasouse ao PP segundo el para traer beneficios a Ribadumia, pero de momento o PP dou 0 investimentos e reclama pagos inxustos de máis 200.000€ , e o señor Castro caladiño. A ver se o pago por ir ao PP era outro?
Esta fin de semana saltaba a nova de que o goberno autonómico do Partido Popular pretende cobrarlle ao Concello de Ribadumia unha cantidade superior aos 200.000 €, supostamente en concepto de custes de xestión da estación depuradora de augas residuais (EDAR), sita por certo en terreos ribadumienses pagados cos cartos da nosa veciñanza.
A nova non é tan nova , pois a lei que recolle ese pago, claramente inxusto e excesivo e que supón un terceiro imposto sobre o saneamento, que se debe sumar á taxa municipal e ao canon que a propia Xunta de Galicia cobra a todos os fogares, entrou en vigor en xullo de 2022. Pero o que non se sabía eran as contías que a Xunta ía pretender cobrar. E non se sabía porque David Castro tivo moito coidado de ocultalas da opinión pública, cando o que debería ter feito era poñer o grito no ceo político dende o primeiro momento.
Agora, grazas aos medios de prensa tivemos coñecemento de que o goberno do PP do que forma parte David Castro pretende cobrar por seis meses, ultimo trimestre do 2022 e primeiro do 2023 máis de 200.000€, unha cantidade que nos parece claramente esaxerada, sobre todo se temos en conta que falamos dun semestre e que detrás dese virá outro, co resultado de que facilmente se poderían superar os 400.000 €/ ano, cando propia Xunta xa cobra a través do canon de saneamento unha cantidade cada ano á nosa á veciñanza que en total deben sumar outros 200.000 €/ano, aos que hai que sumar o que cada fogar paga de taxa municipal de saneamento que pode sumar outro tanto máis os custes de mantemento da rede de saneamento municipal, avarías, etc.
Na práctica, este canon supón, como mínimo, duplicar o custe do que paga cada fogar polo concepto de saneamento, sexa de maneira directa ou indirecta, e con estes custes o señor Castro, que tanto presumía de non subir as taxas municipais vai levar un baño de realidade pronto, pois estamos falando de que este canón pode repercutir, el só, nun 10% do orzamento anual, unha cantidade claramente inasumible para as arcas municipais.
Onde está David Castro?
Pero a pregunta que nos facemos dende Somos Ribadumia é tristemente a habitual: e onde está David Castro? Onde está o alcalde que antes das eleccións dicía que se tiña que levantar a voz contra o goberno da Xunta non tería problema en facelo? Porque levamos meses escoitando a outros alcaldes da comarca defendendo os intereses da veciñanza ante o que claramente é un abuso da Xunta de Galicia, pero o señor Castro garda silencio, oculta os datos, ocúltalle á veciñanza o que esta ocorrendo e a suba de taxas á que imos ter que facer fronte grazas ao PP, e nin sequera fixo declaracións cando a prensa se interesou polo caso de Ribadumia.
Este pasado martes, a FEGAMP mantivo unha xuntanza de alcaldes e alcaldesas para abordar estes tema, de suma importancia tendo en conta o pau que supón as arcas municipais, e a repercusión que vai ter nos petos da veciñanza, pois os concellos quedan abocados a subir mais pronto que tarde as taxas de saneamento para facerlle fronte. Pois resulta que ante unha reunión desa importancia, David Castro preferiu ir a un acto da mancomunidade onde unicamente se ían aportar datos de turismo e ao que perfectamente podería mandar a outra concelleira ou concelleiro. Unha actitude irresponsable a de David Castro que nos parece inaceptable. Un alcalde ten que estar nos sitios onde se fale dos problemas de Ribadumia.
Dende Somos Ribadumia recordamos ben os supostos motivos esgrimidos por David Castro para pasarse ao PP que resumindo consistían en que o PP traería cartos para Ribadumia. Pois de momento o PP non trouxo nada, e pretende sacarnos medio millón de euros ao ano, co silencio comprice de David Castro. Dende Somos Ribadumia dixémolo e cada día faise máis evidente o acertados que estamos: o beneficio por pasarse ao PP vaino ver David Castro, non a veciñanza de Ribadumia.
David Castro ocultase da veciñanza, oculta a situación e ocultase do propio Partido Popular. Pero non pode ocultar os feitos. Dende Somos Ribadumia reclamamos transparencia, e que David Castro faga públicos os datos, canto pretende cobrar a Xunta, que xestións está facendo o goberno local, como vai un Concello pagar un gasto que non estaba previsto no orzamento do 2022, como vai facer fronte a ao gasto deste 2023 sen nin sequera ter orzamento, e como vai enfrontar este gasto que está establecido por lei e non é algo puntual, nos próximos anos. E por suposto, esiximos unha posición oficial da agrupación local do Partido Popular e particularmente unha posición oficial do goberno local e do alcalde de todos e todas as ribadumienses.
“Señor Castro, dea vostede a cara diante dos veciños e veciñas de Ribadumia”
