Comportamentos absurdos e ataques a entidades na xestión da Festa do Deporte de Ribadumia.

  • David Castro monta un paripé para tentar corrixir o seu erro.
  • Convida aos mesmos partidos aos que deixou fora do xurado a participar de oíntes para tentar quedar ben.
  • Nula seriedade, con comunicacións sen asinar e mesmo feitas de palabra, sen dar a cara e usando a traballadoras municipais de recadeiras.
  • O Pole Sport e  Eva Lede, de recoñecido na gala  e  premiada como mellor deportista no 2019 e no 2022 a non poder participar no concurso de méritos deportivos neste 2023, coas mesmas normas e por orden de David Castro.

   O que estamos vivindo ao redor da Festa do Deporte ten difícil explicación.

  Para poñernos en antecedentes, o pasado 7 de setembro aprobouse unha modificación das Bases para a elección dos premios ao mérito deportivo, premios que se entregan na gala anual do deporte. Nese pleno, o noso voceiro Sergio Soutelo amosouse favorable á mellora do documento, pero propuxo un cambio para dar cabida a unha solicitude dos clubs deportivos que tamén é unha cuestión de igualdade democrática: que todos os partidos políticos con representación estiveran na mesa do xurado, e non todos os grupos políticos. David Castro negouse deixando coa redacción final das bases a dous partidos políticos dos cinco con representación municipal fora desa mesa de xurado.

   Ata aquí nada que non comentaramos no seu momento.

  A sorpresa e o lío chegaron esta semana. Obviamente houbo clubs deportivos que se queixaron de que se deixara fora da mesa do xurado a dous partidos políticos, pois o obxectivo desa proposta era que todos os partidos se expresaran no xurado, e David Castro tivo que escoitar que lle recriminaran as súas actitudes partidistas.

   Esta semana chegou a convocatoria para a mesa do xurado. De partida a comunicación, tal como explica o noso concelleiro , “foi un correo electrónico sen asinar e sen atender a formalidade ningunha, onde se nos instaba a nomear a un representante do grupo mixto”. O correo era algo confuso pois no mesmo parrafo facíanos participes do proceso, polo que ao día seguinte  o noso voceiro achegouse ao Concello a pedir aclaracións, “ e foi entón cando me transmitiron que efectivamente a norma establece que no xurado so pode participar un membro do grupo mixto, pero que os outros dous partidos que quedamos fora estabamos convidados a participar, aínda que sen voz e sen voto, ou sexa de oíntes”.

   Para a nosa formación, obviando a falta de formas a hora de comunicar as cousas, parécenos un total e completo despropósito que despois de deixar aos partidos fora da mesa do xurado de xeito intencionado, para tentar quedar ben nos convide a ir de oíntes. Como formación política queremos participar neste tipo de cuestións, pero en igualdade de condicións con respecto aos outros partidos políticos, como corresponde nun funcionamento democrático. “Se David Castro quería corrixir o seu erro, a maneira correcta era chamar ás direccións das entidades deportivas e aos voceiros das forzas políticas e buscar primeiro unha solución temporal para salvar esta edición, e despois modificar de novo as bases e incluír a nosa proposta”.  Nós, como formación política sempre estaremos dispostos a buscar solucións a todos os problemas a través do diálogo. Pero dende logo,  o que non imos facer é entrar nos xogos de David Castro. “Se ao señor alcalde lle pitaron os oídos, que fixera as cousas ben”.

O caso do Pole Sport.

  Outra cuestión xurdida coa elección das candidaturas aos premios do mérito deportivo está relacionada co Pole Sport, ao que David Castro ven de bloquear o acceso ao concurso de méritos e a poder recibir recoñecementos na Gala do Deporte. Eva Lede foi recoñecida na gala do Deporte do ano 2019 e na última edición, a do 2022, como Mellor Deportista Feminina Ribadumiense, e dela e do pole sport díxose o seguinte:  “…  Eva Lede,  fundadora da Asociación de Pole Sport do Salnés, ensalza os valores deste deporte no Concello de Ribadumia e extendeo ao resto … “, dándolle de facto categoría de deporte. E isto non foi casual, pois o Pole Sport non está hoxe por hoxe recoñecido en España entre os deportes federados, e Eva Lede está capitaneando dende Ribadumia unha loita para lograr que este deporte, pois deporte é, entre na lista de deportes recoñecidos polo Estado Español.

   As normas dos premios ao mérito deportivo que establecen que para optar a premios os clubs deben estar federados están recollidas dende o 2016, pero o goberno local considerou ata este ano que para darlle apoio a loita da Asoc. Pole Sport do Salnés por conseguir o ansiado recoñecemento como deporte federado polo estado, era importante darlle cabida neste evento local. Por ese motivo, dende a creación da gala, no ano 2016, o Pole Sport participaba na escolla de premios nas mesmas condicións que o resto de deportes que se practican no noso concello.  Porén, algo mudou, pois o goberno local ven de impedir que as candidaturas propostas relacionadas co Pole Sport entren na mesa do xurado, deixándoas fora coa escusa de que o Pole Sport non é un deporte federado.

   Dende Somos Ribadumia non podemos compartir este posicionamento, e sobre todo non podemos compartir que un goberno local ande a mudar as súas posturas de un día para o outro. “Se David Castro consideraba que o Pole Sport non debía participar na Gala do Deporte, porque non o impediu os anos anteriores? ”.  En todo caso nós si consideramos que o Pole Sport é un deporte, estea recoñecido polo Estado como tal ou non, e dende logo, é un deporte con relevancia no noso Concello máis que suficiente como para terse en conta. Eva Lede, que é unha referente galega e española nesta disciplina, entrena a máis de un cento de persoas, dun rango moi amplo de idade, e a inmensa maioría ademais son mulleres, polo que por de relevancia este deporte para un Concello debería ser importante. Ademais  hai consenso co resto de entidades deportivas de que todo o que enriqueza a variedade deportiva é positivo para todo o deporte.

     Por desgraza, este non é o único desprezo que David Castro realiza contra Eva  Lede e a Asociación Pole Sport do Salnés, e temos a certeza que detrás destas actitudes hai unha cuestión de carácter persoal. “O señor Castro usa a política para dirimir os seus problemas persoais con determinadas persoas, neste caso familias, e iso non pode ser. Estamos totalmente en contra desta maneira de actuar e pedimos respecto pola veciñanza , seriedade na acción política, e que se volva permitir ao Pole Sport, sexa quen sexa a persoa que dirixa a entidade que o xestiona no noso concello, entre na mesa do xurado se hai proposta para estar incluído en varias categorías, como é o caso, e que o xurado decida.”

Deixar un comentario