Resumo dos 100 primeiros días deste mandato: non hai ninguén ao mando do Concello.

- Sen orzamentos, coas axudas aos colectivos sen aprobar, problemas con diversas entidades, retraso no pago das facturas, intentos de realizar cambios no PXOM de legalidade discutible, paus xudiciais, malas xestións administrativas, problemas continuados coa rede de abastecemento de auga, total abandono dos espazos públicos municipais e mala atención á veciñanza.
- Os primeiros 100 días de goberno confirman a liña continuista de David Castro, en particular no relativo a deixar o concello e á veciñanza completamente de lado.
- David Castro non está nin se lle espera, nin en Ribadumia, nin na sede provincial do PP, nin en ningún lado. As melloras prometidas por pasar ao PP eran fume.
David Castro está decidido a pasar á historia do noso concello como o seu peor alcalde dende que temos democracia, e nese sentido non vai nada mal.
É habitual facer valoración dos gobernos pasados os primeiros 100 días de mandato, do mesmo xeito que é normal por parte dos alcaldes e alcaldesas arrincar os mandatos con algo de forza, aínda que so sexa en aparencia, dar unha imaxe de traballo e tamén reforzar ou definir as liñas mestras que guiaran o mandato dos equipos de goberno. Nada disto acontece en Ribadumia.
Pasados os primeiros 100 días de traballo, unicamente se confirma que en Ribadumia o goberno so existe nas fotos, e que non temos alcalde, só un señor de postín que de cando en vez pasa pola casa consistorial a asinar documentos.
A acción de goberno nestas primeiras semanas de mandato so pode resumirse nunha verba: DESIDIA. Non é unha verba que dende a nosa formación usemos por primeira vez para falar do goberno do señor Castro, pero é a que mellor reflicte o funcionamento dese goberno. Vai un breve repaso da situación do noso Concello:
– Instalacións municipais e espazos públicos: abandono completo, problemas de mantemento en todos os edificios de titularidade municipal co persoal de limpeza totalmente desbordado, e con problemas como o da piscina municipal, que ademais de abrir con case un mes de retraso, a instalación estivo fallando e con problemas a maior parte da tempada.
Mesma situación nos espazos públicos, nun estado lamentable, ata o punto de que hai parques infantís que a día de hoxe non cumpren os parámetros de seguridade obrigatorios por lei, ou a grave situación da Carballeira de Ribadumia, que atacada por un insecto acumula arbores mortas e enfermas con David Castro mirando para outro lado. Non se contrata persoal nin sequera para cubrir as baixas, e o goberno incapaz de xestionar o persoal existente tira cartos en subcontratar empresas para as labores mais sinxelas, para despois retrasarse nos pagos.
– Servizos públicos: imos a unha rotura de importancia na rede de subministro de auga por semana, sen que ninguén explique os motivos, non se cumpre a lei que obriga a ter feita unha auditoría da rede de auga municipal, non sabemos nin canta auga se fuga, nin canto lle costa a veciñanza ese descontrol. Tamén seguimos padecendo cortes habituais no alumeado público e é máis que evidente que a recollida de lixo e do selectivo require dunha actualización, pois hai zonas onde o lixo desborda durante días dos contedores.
O servizo de Axuda no Fogar acumula familias sen atención, debido á inoperancia do goberno local, e iso a pesar de que fixemos pública a situación en varias ocasións, como fixemos públicos os erros nos cobros deste servizo, que chegaron a ser do dobre do que correspondía.
Merma importante na calidade e no servizo da gardería municipal, con erros de carácter administrativo que causou problemas nas declaracións da renda de un cento de familias, recortes no horario de servizo e outras cuestións máis que discutibles na súa xestión. En xeral, e os feitos así o demostran, todas as actividades de conciliación familiar xestionadas polo concello, están peor e dan peor servizo que no ano 2015, que xa é dicir, pois entre o 2015 e o 2019, estando nos no goberno, fixéronse moitas melloras que agora foron de novo recortadas.
En xeral, o departamento de servizos sociais, o mais importante do Concello, atascado, con malas xestións e problemas de desatención á veciñanza.
– Administración e transparencia: fallos continuados na sede electrónica, e problemas de todo tipo nos servizos e xestións coa veciñanza, dende cobros mal realizados a ausencia total de documentación e información no portal de transparencia e no perfil do contratante do mesmo, así como doutra documentación de obrigada exposición pública.
– Atención á veciñanza: por parte do equipo de goberno total ausencia, con concelleiros e concelleiras que, para cando aparecen, dan malas respostas, ou o curioso caso do señor Castro, que percibe da veciñanza 1.500 euros ao mes pero non está case nunca no concello, e incluso ás poucas persoas que logran concertar cita chégalles sempre con moito retraso, e iso cando chega. O equipo de goberno e en particular o señor Castro so aparecen publicamente para as fotos e as entregas de trofeos.
Os colectivos, asociacións e clubs deportivos están sen axudas. Hai varias entidades agardando dende fai meses ou anos a ter unha xuntanza co señor Castro. Cada semana enterámonos dun desencontro do goberno local cun colectivo.
Os escritos presentados pola veciñanza e por diferentes colectivos non reciben resposta, e estanse retrasando os pagos a provedores, ou sexa ás pequenas empresas que dan servizo ao Concello.
A todas estas cuestións hai que sumarlle os continuos reveses no xulgado nos seus ataques a extraballadoras e tamén contra veciños, así como algunhas prácticas políticas moi discutibles, con intentos de realizar modificacións no PXOM de legalidade discutible, tratos de favor con determinados colectivos e veciños en contrapartida con auténticos ataques que dende a alcaldía se perpretan contra persoas e entidades que non sexan “da súa corda”, e por suposto o entorpecemento continuado ao traballo da oposición, moi en concreto ao traballo do noso concelleiro Sergio Soutelo. Unhas actitudes que dende Somos Ribadumia non podemos aceptar, nin admitir de ningunha maneira.
En estes xa case catro meses de goberno David Castro non foi quen ni de aprobar o orzamento, nin de aprobar as axudas aos colectivos do Concello, nin de por en marcha ningunha solución aos problemas do noso Concello, nin ningunha iniciativa de ningún tipo, e de toda esa inversión que o PP ía traer a Ribadumia a cambio de comprar a David Castro, a única nova que tivemos foi o arranxo dunhas griferías e unhas pezas de aseo no colexio – a prezo de ouro – e a reconstrución dunha cuberta retirada pola propia Xunta de Galicia no mesmo colexio, ou sexa a corrección dunha chapuza. Mesmo a deputación ameaza con mudar o plan de financiamento aos concellos e deixar a Ribadumia na estacada. A realidade é que David Castro é un cero á esquerda dentro do Partido Popular, que premiou á unha concelleira de Cambados que non foi quen de conseguir a alcaldía e a outro de Vilanova que pouco ou nada aporta á comarca e mesmo vota contra os intereses do seu propio concello, mentres que a David Castro, que grazas ao apoio do PP conseguiu por uns poucos votos darlle a terceira alcaldía da comarca, deixouno na completa irrelevancia política, desaparecido do mapa político comarcal e provincial.
Un alcalde, estea no partido que estea, ten que traballar, e David Castro non está pola labor. Nin sequera foi quen de mediar coa Xunta de Galicia para permitir que o Descenso do Umia se realizara no mesmo espazo que en edicións anteriores, complicando a existencia dunha proba emblemática e obrigando a cambios que restaron participación e afluencia a un evento que chegou a ser o maior referente español por detrás do descenso do Sella e a superar os 600 padexeiros e padexeiras na edición do 2022.
En resumo, o noso concello non ten alcalde nin goberno. David Castro non colle o teléfono nin atende á veciñanza, salvo persoas moi concretas, e aínda así con problemas. Cada día topamos un novo problema, e nunca aparece quen se responsabilice nin quen o solucione. Ribadumia ten repartidas polas parroquias ducias de vallas marcando zonas onde rompeu algo, pero ninguén arranxa nada. Non hai orzamentos o cal pon en perigo as axudas de outras administracións, e seguen bloqueadas as axudas aos colectivos e clubs deportivos, que non saben canto e cando van cobrar. So hai cartos para eventos deportivos de entidades privadas de fora de Ribadumia e para tirar en maquinaria que despois non hai quen use.
Dende Somos Ribadumia, non podemos facer unha valoración positiva do goberno de David Castro. Pedímoslle a el e ao seu equipo que recapaciten, que se poñan a traballar, e se non poden xestionar o concello que se fagan a un lado e expliquen á veciñanza os motivos reais polos que se presentaron a unhas eleccións .
