David Castro ten bloqueadas as axudas económicas ás entidades deportivas e asociacións do Concello.

  • As axudas anuais a colectivos están sen aprobar e os adiantos das mesmas sen realizar.
  • O prazo para xustificar as axudas e poder cobralas remata en novembro, pero entrando en outubro, os colectivos non saben nin canto lle corresponde.
  • Desplantes varios, negativas a reunirse e  faltas de respecto supoñen a tónica do goberno local cara a maioría de colectivos e entidades.

 David Castro deixou a maior parte dos colectivos do concello abandonados, cando directamente non os ataca por non ser “da súa corda”. As axudas anuais que o Concello de Ribadumia concede a entidades deportivas e asociacións culturais, sociais e de comercio, están a estas alturas do ano sen conceder, e o adianto do 25% sen realizar.

   Cabe recordar que o prazo para que as entidades solicitaran as axudas rematou o 7 de maio. O normal, xa con este goberno lento e torpe, sería que as axudas se aprobaran en pleno extraordinario antes do remate do mandato anterior, ou como moi tarde antes de rematar xullo. Pero estamos a finais de setembro e as entidades non teñen novas das axudas municipais. A situación é tan grave que en novembro vence o prazo para xustificar unhas axudas que a día de hoxe os colectivos non saben nin se as teñen aprobadas, nin que cantidades se lles concederon nin para que actividades, polo que non poden xustificar esas axudas.

   Esta falta de compromiso e de xestión do goberno local, que non é nova, está provocando que os colectivos, con máis relevancia os colectivos de carácter cultural e social, reduzan o seu nivel de actividade ao mínimo, pois en moitos casos dependen das axudas municipais para boa parte da súa programación anual, e en xeral David Castro coa súa desidia está poñendo en perigo campañas puntuais e tamén a  actividade de todo o ano  tanto das asociacións, entre as que recordemos está a asociación de comerciantes ou unha entidade de apoio a vítimas de violencia de xénero, como dos clubs deportivos.

Todo tipo de queixas.

    Porén, a  falta das axudas non é a única queixa que vimos recollendo nos últimos meses. David Castro négase literal e rotundamente e reunirse con determinados colectivos, con exemplos sangrantes como o  a Asociación Herminio Barreiro, que leva dende setembro e 2021 agardando por unha xuntanza con alcaldía, e non é a única. A outros colectivos como a Asoc. Pole Dance, négalle presenza nos espazos nos que o Concello promove a actividade das asociacións, invisibilizando en todo o posible o seu traballo.  Outras quéixanse de faltas de respecto institucional e de malas respostas cando van ao concello a ver a un alcalde que nunca esta dispoñible. De feito, e imposible conseguir falar co alcalde de xeito formal, a única maneira, en voz da persoa que dirixe un destes colectivos, e “collelo no fútbol ou nalgún velatorio, e total para nada”.

   Ademais, varios colectivos  quéixanse de que o goberno  lles está facendo competencia desleal ao axendar actividades dende o Concello tendo coñecemento de que xa outras asociacións as teñen previstas, ademais mellorando condicións con respecto aos colectivos, cando o que o goberno debería facer é mellorarlle as axudas e favorecer o traballo deses colectivos. Convén recordarlle ao señor Castro que as propias bases de adxudicación de axudas establecen que as entidades deberan comunicar as súas actividades para evitar que o Concello duplique esas actividades, que é xusto o contrario do que fai o señor Castro, que copia as actividades dos colectivos para colocarse medallas, e que está provocando que as entidades estean pensando en darse de baixa ou deixar a súa actividade.

   A todo isto debemos sumar as vellas problemáticas que David Castro non quere enfrontar, dende os compromisos coas dúas bandas de musica e coa Asociación Pro-escola de Música, ata a negativa insistente a aumentar as partidas económicas a todos os colectivos, que está provocando que diversas entidades deixen de pedir axudas ou que, como no caso dos clubs deportivos, tiveran unha xuda  no 2022 un 30%  menor que no 2019.

  Dende Somos Ribadumia pedimos a David Castro que deixe de desprezar a maior parte dos colectivos que conviven no noso concello e actúe en consecuencia co seu cargo. Esiximos do alcalde de todos e todas que deixe de fuxir e se reuna cos colectivos que llo solicitan, que solucione problemas no canto de crealos, que deixe de intentar eliminar a determinados colectivos  e que aumente as axudas que levan conxeladas dende o ano 2017, e que aprobe as deste ano de xeito inmediato.

Deixar un comentario