David Castro deixa fora do xurado da Festa do Deporte a dous partidos políticos, enganando aos clubs deportivos, entre outros desprezos.

  • Por fin David Castro atendeu as demandas de Somos Ribadumia e dos clubs e corrixiu as bases do elección dos premiados ao mérito deportivo.
  • Para a súa elaboración David Castro deixou fora intencionadamente a varias entidades deportivas locais, e ocultoulle ao resto o documento final ata estar aprobado.
  • O cambio nas bases do concurso de méritos non incluíu a solicitude dos clubs de que no proceso de elección de premiados os representantes da veciñanza estiveran todos presentes.
  • David Castro fai desprezos a Sergio Soutelo e pretende crear disputas entre os partidos da oposición, pero con nós que non conte. Renunciamos a participar do proceso da Festa do Deporte

  No pasado pleno o goberno de David Castro levou a pleno unha modificación nas bases de elección dos premios ao mérito deportivo que se entregarán na Festa do Deporte, un evento posto en marcha no 2016, unha proposta de varias entidades deportivas que foi posible gracias a intervención do que naquel momento era tenente de alcalde,  Enrique Oubiña.

   A proposta de modificación aprobada, tal como expuxo o noso concelleiro Sergio Soutelo, “foi positiva pois nos xa levamos anos dicindo que as bases aprobadas inicialmente eran francamente mellorables, e polo tanto esta modificación, en termos xerais é unha mellora que valoramos positivamente”.

   Con todo, dende a nosa formación, topamos algúnha cuestión que debemos reseñar.

  A primeira delas que para a modificación destas bases David Castro tivo moito coidado de escoller a que entidades deportivas facía participes do proceso, deixanod algunha das entidades locais fora. A escusa posta foi que algunha entidade non quixo participar na xuntanza que se fixo para tratar esta cuestión.  De feito as verbas concretas de David Castro, tal como as recolle a grabación do pleno, foron “nós convidamos a  todos os clubs e o que non veu foi porque non quixo”, o cal de partida é falso pois hai entidades que coas que non se falou. Pola nosa banda consideramos que un proceso de modificación dunhas bases que afectan a un determinado colectivo, neste caso o deportivo, non poden solventarse cunha xuntanza para escoitar o que se propón, debe traballarse en varias reunións con todos os colectivos, que deben ter coñecemento do documento final antes de levalo a pleno, e todo iso non aconteceu. David Castro deixou fora do proceso  a varias entidades locais relacionadas co deporte, e a única concesión que lles fixo ao resto foi unha única xuntanza para recoller as propostas. Neste aspecto, dende a nosa formación non podemos compartir esta maneira de facer as cousas, con desprezos a entidades e tratos de favor a outras.

   Por outra banda, unha das propostas, ademais unha proposta que tiña a unanimidade dos clubs deportivos presentes na única xuntanza realizada, era a de que as  forzas políticas con representación no Concello de Ribadumia, e que son a representación da veciñanza no seu conxunto e nas súas distintas visións, deberían poder participar no proceso. David Castro aceptou a proposta e comprometeu a que así sería, pero unha vez máis enganou ás entidades deportivas. As bases que se levaron a pleno incluían que os “grupos” políticos con representación no pleno formaran parte da mesa do xurado. Pero resulta que “grupos políticos” non é  o mesmo que “formacións políticas”. En Ribadumia cinco partidos obtiveron representación política nas pasadas elección de maio, pero obrigados pola lexislación vixente, que esixe un mínimo de dous concelleiros para establecer grupo, Xuntos Ribadumia, Somos Ribadumia e BNG vímonos obrigados a conformar o denominado “grupo mixto”, unha norma que supón unha merma nos funcionamentos democráticos que levamos anos denunciando. En base a isto en Ribadumia neste mandato hai tres grupos políticos, PP, Psoe e grupo mixto, pero esa conformación unicamente afecta a conformación das Comisións Informativas e da mesa do pleno  – coa excepción das intervencións e voto no mesmo dos concelleiros e concelleiras –  e ás asignacións económicas. David Castro xogou con está cuestión, enganando ás entidades deportivas dicíndolles que incluía a todos os grupos políticos, sen explicar as diferenzas.

O resultado disto, é que  na mesa do xurado, polo que corresponde á parte política, estarán representados un membro do  PP, un membro do PSOE, e un membro do grupo mixto, obrigando a Xuntos, Somos Ribadumia e BNG a decidir quen participa e deixando fora por imposición a dúas destas tres formacións políticas, a pesar de ser representantes da veciñanza como o son o resto de forzas. Obviamente nós iso non o podiamos aceptar e así o expuxemos no pleno.

  No pleno Sergio Soutelo propuxo “que se modificara ese punto e se inclúan tal e como piden os clubs deportivos, a todas as formacións políticas no proceso de elección de recoñementos ao mérito deportivo” . David Castro, á vista dunha proposta que o pillaba de cheo na súa propia trampa, realizou un exercicio de despotismo, desprezo e moita incapacidade para expor algo distinto aos argumentos que lle preparan antes dos plenos, e optou por ignorar a proposta de Sergio Soutelo, que á vista das actitudes e dos feitos, optou pola abstención no voto por considerar que David Castro con estas xogadas estábase rindo das entidades deportivas e por considerar que un alcalde ten que ser exemplo de respecto, cara esas entidades e cara os concelleiros e concelleiras da oposición.

   Dende Somos Ribadumia lamentamos as formas de David Castro, e lamentamos que intente usar ata a cousa mais absurda para atacar á nosa formación e fabricar divisións e conflitos onde non os hai. Nós, como xa dixemos, non imos entrar neses xogos. Neste caso concreto que nos ocupa, xa comunicamos a Xuntos e ao BNG que renunciamos a participar nesa mesa e nese proceso, un xesto que entendemos acorde á nosa posición, e facémolo a pesares de que as tres forzas temos claro que podiamos sen problemas chegar a acordo na cuestión, pero queremos mandar unha mensaxe moi clara a quen pretende xogar “ás batallitas”, que é que temos moi claro o noso sitio e o sitio que ocupan os demais.

 Advertimos a David Castro que o respecto institucional  debe primar por enriba dos caprichos persoais, porque detrás dos partidos está a veciñanza que os vota. Queira el ou non o queira, gústelle ou non lle guste, a veciñanza dou representación a cinco partidos, e a el restoulle boa parte da súa representación e so se salvou gracias ao voto ao partido, igual debería coller o recado que os seus veciños e veciñas lle transmitiron. 

Deixar un comentario