David Castro culpa á veciñanza e aos concellos de  Meis e Cambados das fugas de auga pública na rede de distribución.

  • A auditoría da rede de distribución de auga pública, obrigatoria por lei, sen facer, dous anos despois de vencer o prazo legal.
  • David Castro admite que descoñece canta auga se está perdendo por fugas na rede e canto nos custan anualmente esas fugas.
  • A culpa é da veciñanza, por ter os contadores obsoletos, e dos Concellos de Meis e Cambados, aos que acusa de ser responsables de boa parte das perdas de auga.

   No pasado pleno o noso concelleiro Sergio Soutelo realizou varias preguntas referentes ao nivel de perdas de auga por fugas na rede de distribución, unhas perdas de auga que se pagan con fondos públicos.

  Tal como explica o noso concelleiro,  “ Dáse a circunstancia de que a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, na súa Disposición Adicional Segunda, ordena o seguinte:

  • No prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa.

A mesma norma obriga a facer públicos os datos da auditoría e en concreto a porcentaxe de perda de auga por fugas, e a expola na sede electrónica municipal. Pois ben, o prazo para levar a cabo esta auditoría e poñela a disposición da cidadanía rematou  en decembro do 2021. Estamos en setembro de 2023, case dous anos despois de vencido o prazo, e David Castro admitiu no Pleno Municipal que esa auditoría está sen realizar.

  David Castro tamén admitiu descoñecer cal é a porcentaxe de perda de auga a través de fugas na rede, e dende logo non fixo público ningún dato porque non o ten. “Tamén descoñece o señor Castro canto lle custa anualmente á veciñanza de Ribadumia, en euros,  este destrago de auga, un destrago que afecta á rede de subministro, pode conlevar perdas de presión e outros inconvintes, e supón unha merma da capacidade dos depósitos e da propia depuradora de Treviscoso, algo que coa situación actual e coas previsións de seca e de consumo  para os próximos anos pode supor un problema importante”.

   Pero a David Castro todo isto dálle igual. Mentres a maioría de Concellos da comarca xa teñen feitas as súas auditorías, detectado o nivel de fuga de auga e xa nalgún caso se puxeron en marcha plans para corrixir as fugas existentes, en Ribadumia David Castro nin sequera toma medidas de aforro nos meses do verán, e estraga auga sen miramentos. Hai que remarcar que o nivel de desidia con esta cuestión é de tal calado, que tendo a opción de acollerse como fixeron concellos veciños a unha liñá de axudas disposta pola Deputación para levar a cabo esa  auditoría que obriga a lei e que ademais sería de moita utilidade para a xestión dunha situación que non sabemos o alcance que ten, o señor Castro preferiu non facer nada”.

A culpa é da veciñanza e dos Concello de Meis e de Cambados.

   Se en algo destaca David Castro e na súa capacidade para practicar o escapismo. Preguntado pola porcentaxe de fugas de auga na rede, David Castro non puido responder porque como el mesmo admitiu ten a rede sen auditar, pero o que si soubo facer sen que ninguén lle preguntara foi nomear responsables.

   Os primeiros, os veciños e veciñas de Ribadumia, por ter os contadores anticuados, chegando a dicir que “pode haber moitas desviacións” nos contadores domésticos, dando a entender que os veciños estarían consumindo máis auga da que os contadores marcan. Estas declaracións son absurdas, pois tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de Urbanismo no período 2015/2019,  “desviacións dese tipo notaríanse na facturación, tanto en forma de variacións anuais inxustificadas  nos contadores de maneira individual como na comparativa de consumos medios. Nada diso pasou, en Ribadumia a veciñanza ten un consumo de auga acorde ao recollido polos estudos de consumo de Augas de Galicia. Hai un dito “pensa o ladrón que todos son da súa condición”, e  igual David Castro ten algo que ocultar no seu consumo de auga, pero que faga o favor de non meter a toda a veciñanza no mesmo saco”.

  Non contento con culpar á veciñanza, David Castro aínda se compraceu en acusar publicamente ao Concello de Meis, e un pouco ao de Cambados,  de ser os responsables das perdas de auga. Como di o noso concelleiro “non ten nin cuantificadas nin identificadas as perdas, pero sabe que a tubería que leva auga a Meis, e que por certo da servizo tamén a zonas de Leiro e de Lois, é a que ten a maior parte de fugas por danos nas tuberías, e o resto está nas tuberías que dan servizo ao Concello de Cambados. Parece ser que o único que non é responsable de nada do que pasa en Ribadumia é o señor Castro”.  E non so culpou aos concellos veciños, con  máis insistencia a Meis, senón que chegou a dicir que Meis deberá responsabilizarse desas perdas de auga e que haberá que ver quen se fai cargo dunhas fugas que están hoxe por hoxe sen cuantificar e,  sobre todo, sen localizar.  

   O que David Castro non explicou foi porque levamos dende xuño cunha media de unha rotura por semana e con cortes continuados na rede de subministro de auga, nin as causas desas roturas continuas, ou o custe que están tendo esas roturas nas arcas municipais. Tampouco anunciou ningún tipo de compensación á veciñanza por ter que soportar estes continuados cortes de auga.

  Dende Somos Ribadumia queremos pedirlle a David Castro, en primeiro lugar algo máis de prudencia e seriedade nas declaracións, en segundo lugar un comportamento adulto e acorde ao cargo que ten, porque cando fai o ridículo con declaracións como as feitas no pasado pleno, tamén deixa en ridículo á veciñanza de Ribadumia. En terceiro lugar, pedímoslle a David Castro que evite crear polémicas innecesarias e artificiais cos Concellos veciños  e que asuma as súas responsabilidades como alcalde. É o alcalde de Ribadumia o responsable de cumprir a lei no noso concello, e é David Castro o responsable de elaborar unha auditoría na rede de distribución de auga pública que da servizo á veciñanza de Ribadumia, e de resolver os problemas que afectan a esa rede.

Deixar un comentario