A carballeira de Ribadumia está morrendo, e David Castro non fai nada.
- Os carballos estanse vendo atacados por algún tipo de insecto, que os vai secando un a un.
- David Castro negou que houbese algún problema, e asegurou que unicamente hai un carballo morto na carballeira.
- Nos contamos sete, entre mortos e enfermos, e iso a simple vista, non sabemos cantos carballos están afectados a día de hoxe.
- A solución de David Castro ante a praga que está matando a carballeira: negalo todo, non facer nada e pedir informes.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola situación da Carballeira de Ribadumia, un lugar emblemático entre a nosa veciñanza, e un espazo público utilizado para diversas actividades ao longo do ano, entre as que se encontra a Festa do Pan, e que se está vendo atacada por algún tipo de insecto que mata as arbores.
O noso concelleiro, Sergio Soutelo preguntou pola situación da Carballeira de Ribadumia e polas actuacións que o Concello está realizando para frear a praga que a está atacando , e cal foi a sorpresa del e de todo o mundo cando David Castro declarou que el non tiña constancia de ningunha praga, que a Carballeira estaba en perfectas condicións e que na mesma “so hai un único carballo morto, e leva así xa tempo”.
Tal como explica Soutelo, “nin amosándolle unha serie de fotos realizadas onde se comproba que hai máis de media ducia de arbores en diversas fases da enfermidade ou mortas, quixo aceptar que na Carballeira hai un problema. E incrible como un alcalde pode mirar para outro lado desta maneira” .
Informe de Areeiro.
Ao final David Castro saíu do paso do asunto dicindo que vai pedir un informe a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, unha maneira de dar largas sen mover un dedo por resolver un problema que se pode observar a simple vista e que para a próxima primaveira podería deixar á carballeira sen media ducia mais de carballos.
Ademais, o noso voceiro Enrique Oubiña quere recordar que “o Concello xa ten un informe do Areeiro realizado no 2016. Pouca novidade pode aportar un novo informe, pero ao mellor para cando chegue, cando David Castro acabe de leelo, se é que o lee, se decida a facer algo, e finalmente actue, teremos perdida metade da carballeira. Ademais a praga que lle afecta á carballeira, tampouco é nova. Xa no mandato 2015/19 tivemos que facerlle fronte, ademais de sanear a carballeira, destaconando, podando – a única poda que se realizou na historia da carballeira- , eliminando arbores mortas e solventando problemas de encharcamentos. Naquel momento demos parado a morte de arbores, pero a desidia de David permitiu que volvamos ter arbores enfermas e moribundas. Resúltame triste que David Castro agora so vaia á carballeira a mirar para o prato, e non preste atención ao coidado dun espazo tan querido pola veciñanza”.
