Volve pasar: unha concelleira fala no Pleno da vida privada de … Enrique Oubiña!

  • Inaceptable situación a vivida no pleno da man da concelleira Mar Rey.
  • A concelleira intentou desacreditar ao noso concelleiro Sergio Soutelo referíndose á vida privada de Enrique Oubiña.
  • Esiximos responsabilidades políticas ante comportamentos que son inaceptables e inescusables.
  • Se o equipo de David Castro insiste en atacar a vida privada dos membros do noso partido, teremos que tomar medidas de carácter legal.

   Dende Somos Ribadumia temos moito que falar do pleno celebrado este pasado xoves, e nos próximos días iremos comunicando a nosa postura ante diferentes cuestións xurdidas no mesmo.

  Porén, antes de falar da xestión política do goberno, debemos facer un alto para por de relevancia unha situación vivida ao final da celebración do pleno que nos parece totalmente inaceptable e inescusable, e que debe ter consecuencias políticas.

  Xa rematadas todas as roldas de intervención do último punto da Orde do Día, a concelleira Mar Rey, xa fora dos tempos de intervención tomou a palabra, co asentimento de David Castro, para volver sobre temas anteriores expostos polo PSOE e polo noso concelleiro Sergio Soutelo xa tratados e respondidos pola alcaldía minutos antes. En realidade o que quería Mar Rey era lanzar un discurso, que resultou totalmente extemporáneo, entendemos que dentro dun plan de facerse valer de cara a facerse cargo da alcaldía nos próximos meses. O que ninguén se esperaba foi que ao final do seu discurso, nun intento de afear o traballo de Sergio Soutelo, fixera referencias claras e directas á vida privada de Enrique Oubiña, presente no Salón de Plenos, pero como público ou sexa como un veciño calquera. E novamente tivo que vivir Oubiña un momento incómodo de ataque persoal onde unha concelleira falaba de onte estaba Enrique tal día e hora, unha alusión directa a súa vida privada totalmente fora de lugar, e inaceptable na Mesa do Pleno Municipal. Como é inaceptable que David Castro en vez de frear esta saída de ton, lle rira a gracia.

  Anteriormente xa vivimos as mesmas formas e actuacións da man da ex-concelleira Pilar Martínez, que nun pleno chegou a declarar que “tiña probas” de que en tal día e hora Oubiña estaba en determinado sitio acompañado de tal persoa. Nesta ocasión Mar Rey aínda foi máis aló ao declarar que ela mesma mirou a Enrique tal día en tal sitio.

  A este respecto, o noso voceiro desexa expresar o seguinte: 

  • “ máis aló de que o que dixo nin sequera  se corresponde coa realidade, algo que só agrava o feito, non pode ser que unha concelleira nun pleno, que se celebra de maneira pública e se emite en directo, se poña a falar da vida privada de ninguén, e xa que se faga referíndose a unha persoa que non está sentada na mesa do pleno só o volve máis indignante. Non se trata do contido do comentario, neste caso absurdo, trátase do dereito á intimidade das persoas e que ademais neste caso, demostra unha moi enfermiza obsesión cara a miña persoa, ata o punto de verme detrás de cada árbore que hai no concello.  Ademais eu estaba presente no Salón de Plenos e puiden levantar a voz e frearlle o que estaba dicindo, pero se o fixera cunha persoa non presente, ou eu mesmo non estivese no Salón do Pleno, quedaría totalmente indefenso ante un ataque  e unha maneira de actuar totalmente denigrante. E por certo, esta señora é mestra nun colexio público, non quero eu saber que comportamentos pon en valor nas súas aulas, pero medo da”.

   Pola nosa banda non imos pedirlle a dimisión porque resulta evidente que Mar Rey aspira a ser alcaldesa e polo tanto non vai dimitir, pero si esiximos responsabilidades políticas a David Castro, que meta en vereda ao seu equipo, que haxa unha reflexión e unhas desculpas públicas sentidas, e por suposto que estes comportamentos non se repitan. Pero se o equipo de David Castro, que conta nas súas filas cun concelleiro que ten pendente un xuizo por ameazas e ataques a Enrique Oubiña, insiste en atacar á dignidade e ao honor e dereito a intimidade dalgún membro do noso partido, actuaremos en consecuencia.

  Agardamos pois, unha actuación por parte de David Castro e da propia concelleira Mar Rey acorde e responsable ante a situación creada, e que o equipo de goberno deixe de montar teatrillos nos plenos municipais e se centre na actividade política e en responder pola súa xestión.

Deixar un comentario