En setembro, e o Concello de Ribadumia segue sen os orzamentos para este ano 2023.

- Nin rastro dos orzamentos deste 2023 a falta de catro meses para rematar o ano, sen que exista xustificación.
- Dos orzamentos dependen axudas das administracións, investimentos e as axudas aos colectivos, entidades e clubs deportivos do noso Concello.
- Os clubs e as entidades sen axudas, o Concello abandonado, pero David Castro pasa de todo.
- Desidia total ou intencionalidade? Claramente intencionalidade. Pero entón que nos oculta David Castro? En que está metendo os nosos cartos?
Cando outros concellos están iniciando os procesos de elaboración do orzamento para o ano 2024, o goberno de Ribadumia segue co orzamento prorrogado do ano 2022, sen que exista unha explicación razoable.
En Ribadumia, a pesar dos compromisos de David Castro, o habitual é que o orzamento do ano en curso se aprobe entre marzo e maio. Téñense dado excepcións, como no ano 2019, cando David Castro tiña , por primeira e única vez, os orzamentos listos para aprobarse na primeira quincena de xaneiro, e os deixou no caixón ata pasar as elección municipais por non incluír as propostas dos seus socios de goberno. Pero nin con David Castro nin con Salomé Peña os orzamentos estiveron sen aprobar máis aló do primeiro pleno do verán.
A falta de orzamento obriga a tirar das partidas do orzamento do ano anterior, pero non pode modificar os seus importes, polo que na práctica bloquea boa parte das partidas de mantemento e contratación, impide os investimentos municipais e as axudas ás familias, deixa no aire ás entidades sociais, culturais e clubs deportivos, que as estas alturas non teñen aprobadas as axudas para este ano que en calquera caso, sen orzamentos volveran ficar conxeladas, pon en perigo centos de miles de euros en investimentos doutras administracións que dependen ou requiren ter un orzamento operativo e o resultado contable do ano anterior aprobado, algo do que tampouco tivemos novas cando debería terse presentado xa para aprobación incluso con este alcalde.
Non ter orzamento impide que se poidan incorporar á xestión diaria as melloras en ingresos do estado xa anunciadas, nin outros ingresos que puideran lograrse ao longo deste 2023 e que non se tiveran en conta no orzamento do 2022, obrigando a que estes fondos, que poderían destinarse a axudar ás entidades, aos clubs deportivos e as melloras nas medidas de conciliación ou axudas a familias en exclusión, teñan que ir ao remanente, ese colchón de difícil control que o alcalde pretende usar para pagar favores e tamén os seus erros políticos, como xa vimos en anos anteriores.
E o peor desta situación, que provoca enormes problemas na xestión diaria e que incluso pode traer consecuencias legais se o uso dos cartos vai na mesma liña de desidia, é que non ten ningún tipo de xustificación nin escusa valida. Non estamos nunha situación de goberno en minoría que obrigue ao alcalde a negociar con outras forzas os orzamentos. David Castro conta con ampla maioría dende o ano 2019, e a perda de votos e concelleiros este 2023 deixouno de todas maneiras con capacidade para aprobar os orzamentos que el considere, sen que a oposición poida a priori tumbarllos.
Porque motivo entón estamos sen orzamentos?
Un misterio? O que non é un misterio é que ata marzo deste ano o goberno local contaba cunha concelleira de contas liberada que cobraba 900€ ao mes, e que fai dous meses David Castro designou outra concelleira de contas cunha liberación de 1.900€ ao mes, á que ademais se lle presupoñen coñecementos e experiencia suficientes como para saber que o concello precisa orzamentos, e as consecuencias de non telos aprobados en tempo e forma.
Cabe pois pensar que a ausencia de orzamento para este 2023, ano electoral, obedece a unha intencionalidade política, e que David Castro pretende ocultarlle á opinión pública como gastou e como está gastando os cartos da veciñanza e tamén canto esta saíndo da carteira de todos e todas nós sen control legal.
Dende Somos Ribadumia pedimos explicacións públicas e responsabilidades políticas. Queremos que se explique como se están gastando os nosos cartos. E consideramos que é inaceptable que se garde silencio ante uns feitos que ademais de saírse da legalidade sen xustificación, teñen consecuencias que están pagando os clubs deportivos, as entidades do concello, as familias sen recursos e a veciñanza en xeral, por mor das accións dun alcalde que se cree por enriba do ben e do mal e con capacidade para poder facer o que lle veña en gaña, sen ter que render contas ante ninguén.v
