O atranco de Cabanelas, realizado sen contar cos permisos pertinentes .

  • A obra realizada para dar servizo a unha captación privada, realizouse sen contar cos permisos pertinentes.
  • Augas de Galicia non actúa,  David Castro cala e a veciñanza  e o Naútico O Muiño prexudicados por unha obra que reduce o caudal do Umia ao seu paso pola praia fluvial de Cabanelas e río abaixo.
  • Un veciño de Ribadumia non pode cortar un salgueiro sen pedir permiso porque lle cae unha multa e ademais importante, pero os veciños de A Toxa poden servirse do río e facer nel o que lles dea a gaña impunemente.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados  pola maneira de proceder tanto dos propietarios da captación de auga do río Umia á altura de Cabanelas, como das autoridades competentes.

   A finais de xullo, como cada ano, unha empresa procedeu a realizar un atranco no río Umia, a altura de Cabanelas, co obxectivo de reter as augas nese punto e favorecer un bombeo que existe dende fai  medio século e que da servizo á illa de A Toxa. Ata aquí nada que non aconteza cada ano, salvo polo detalle de que esa obra, que cada vez que se fai debe contar cos permisos pertinentes tanto de Augas de Galicia como do Concello de Ribadumia, a día de hoxe nin conta con eses permisos, nin os tiña solicitados cando se realizou o azud e o máis grave, que nin unha institución nin a outra mandou paralizar a obra e abriu expediente á entidade responsable. E todo isto queda demostrado coa documentación aportada polo propio Concello.

   O noso Concelleiro Sergio Soutelo solicitou no Concello a documentación relativa a esa obra, permisos, autorizacións pertinentes, informes favorables ou desfavorables se os houbese, pago de taxas, e calquera outra documentación existente. Isto foi o 31 de xullo, cando a obra xa estaba realizada. No mesmo escrito solicitábase que o Concello, atendendo á sensibilidade da zona, que se asegurara que esa obra se facía con todos os parabéns necesarios, e senón fora así que actuase en consecuencia. Mais aló do medioambiental, ese tramo do río conta cunha área de baño e de entreno dos deportistas de O Muiño a escasos metros río abaixo do atranco en cuestión, que se veu moi afectada polo movemento de terras e a redución no caudal que leva o río.

  O escrito coa resposta dende o goberno local tardou en chegar 16 días, e resultou que a empresa adxudicataria non pediu permiso no Concello tal e como admite David Castro nesa resposta, unicamente ante Augas de Galicia, e aínda está sen respostar. Curiosamente a solicitude ante Augas de Galicia formalizouse o  día 3 de agosto, tres días despois de que Soutelo  solicitara informes no Concello.

Na resposta aportada polo Concello a Sergio Soutelo, especifícase o seguinte:

“Con data 4 de agosto de 2023 se recibe escrito de Augas de Galicia ao que se adxunta o anuncio de Información Pública da solicitude presentada por Gestora Inmobiliaria La Toja S.A. para a súa exposición ó público no taboleiro de anuncios dese concello por un prazo de vinte (20) días, contados a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e a admisión de reclamacións durante o mesmo periodo. Así mesmo con esa mesma data se recibe outro escrito de Augas de Galicia no que se indica que “ante o Servizo Territorial de Augas de Galicia presentouse unha solicitude de autorización de recrecido de represa e solicítase do concello o preceptivo informe previo, segundo o establecido nos artigos 79 e 80 da da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, o que debe ser emitido no prazo de dez (10) días, conforme ó disposto no apartado 2 do artigo 83.”.”

  No mesmo escrito, David Castro informa de que o 8 de agosto solicitoulle a Augas de Galicia toda a información relativa a esa obra, pero non lle solicitou nin abriu ningún tipo de expediente á empresa que xestiona a captación da auga, e iso tendo coñecemento de que a obra xa estaba realizada. Tal como expón o noso Concelleiro  “ o señor Castro limitase a facer o paripé dando largas e mareando a Augas de Galicia, e deixa en paz e tranquilidade á empresa responsable da obra. E porque fumos pedir papeis, senón non  faría nin iso.”

   Con todo, estamos a 19 de agosto, e nin o Boletín da Provincia publicou nada, nin pasaron os vinte días de exposición pública, nin o Concello emitiu o informe favorable, nin se resolveu a solicitude por parte de Augas de Galicia.  En resumo, a obra está sen permisos, pero está realizada con total impunidade e sen que ningunha das dúas administracións responsables tome cartas e obrigue a reposición da legalidade ata que se realicen os tramites e se cumpran os requisitos, como corresponde con calquera obra realizada sen permisos.  David Castro, que no ano 2016 asumiu o compromiso de mirar con lupa todas as actuación que se realizaran no río, e en concreto todo o relativo a esa captación de auga, actúa como cómplice permitindo que unha empresa privada faga dentro dos lindes do noso Concello o que lle dea a gaña se nin sequera requirirlle os permisos necesarios. E outro tanto Augas de Galicia, que ao primeiro veciño que corte un salgueiro nun regato mételle unha multa de miles de euros, pero despois permite este tipo de actuacións que son auténticos atentados medioambientais sen poñer unha soa pega.

Deixar un comentario