Absurdo de David Castro acusando a Soutelo na prensa de “crear alarma” por pedir unha mostra de auga da piscina.

  • David Castro acusa a Somos Ribadumia de crear alarma social coa situación da piscina, cando dende o noso partido nesta tempada non fixemos, de momento, ningunha denuncia.
  • Sergio Soutelo pediu unha mostra de auga da piscina as oito da tarde, denegáronlla, pero as nove é media estaba o fontaneiro na piscina arranxando algo.
  • David Castro pretende asustar a Sergio Soutelo, incluso presentándose nos sitios coa Garda Civil. Un comportamento absurdo e infantil.
  • A pregunta agora é: que pasa coa auga da piscina?

   Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa máis absoluta sorpresa polas comunicacións do goberno local aparecidas en prensa relativas a un suposto intento de algo que non temos moi claro. Á vista da gravidade dalgunhas acusacións e do ridículo de outras, o noso concelleiro Sergio Soutelo quere facer varias aclaracións.

   A primeira é  “que eu non esixín nada a ninguén. Nin moito menos. Na tarde do luns achegueime a tomar algo coa miña parella e cuns amigos á cafetería do naútico, cousa que creo que é totalmente legal. Ao acceder á zona pareceume dende a distancia que a auga do vaso grande da piscina estaba algo turbia. Achegueime á entrada e efectivamente comprobei que a auga non tiña o mellor dos aspectos.  Por asegurarme, dirixinme a persoa que estaba no control da entrada e pedinlle, identificándome antes para evitar confusións, se me podía  recoller unha pouca auga da piscina, efectivamente nunha botella que levaba eu porque obviamente non pretendía máis que comprobar se a auga estaba turbia ou non. Aclaro antes de continuar que os concelleiros de Somos Ribadumia non andamos dun lado para o outro cun laboratorio químico na chaqueta. A persoa coa que falei non puxo problemas, incluso me convidou a visitar as instalacións, convite que declinei porque, como digo, só tiña curiosidade por ver como estaba a auga, e de feito pedinlle a esa persoa que me collera ela mesma a auga.  Foise a falar con outra persoa e ao pouco volveron para comunicarme que non había ningún problema, pero que debía agardar a que viñera Miguel Castro cun suposto documento porque polo visto debía asinar un recibo ou algún tipo de declaración. Eu non puxen reparos, de feito díxenlle que non había problema, pero como estaba con outra xente, que agardaría na cafetería. Ao pouco viñeron avisarme de que Miguel Castro non podía achegarse ata alí, e que non tiñan autorización para darme a mostra, que a solicitara por rexistro. Dinlle as gracias pola súa atención, e sen máis”.

    Debemos aclararlle a David Castro e ao seu equipo, que Sergio Soutelo é concelleiro electo, e polo tanto ten todo o dereito a acceder a calquera instalación pública municipal durante o seu horario de atención ao público, para o caso de que Soutelo quixera entrar na piscina, ver o estado das instalacións e mesmo coller mostras de auga, e que Miguel Castro  que foi o concelleiro que montou un lío a partir da nada, non ten autoridade nin é competente para impedilo, nin el nin ningún membro do goberno.  Pero é que ademais non foi o caso.

   Por outra banda, parécenos algo absurdo e ridículo acusar a ninguén de querer coller unha mostra de auga dunha piscina pública. Calquera persoa que pague a entrada ou estea en posesión do carné da piscina pode acceder a instalación e facerse con toda naturalidade cunha mostra de auga. Se dende Somos Ribadumia ou se calquera persoa ten dúbidas  do estado da auga, ou se quixeramos  comprobar se o seu estado é saudable, teriámolo moi fácil sen necesidade de falar con ninguén.  Tal como aclara o noso concelleiro “unicamente quixen comprobar o estado da auga por que me chamou a atención , pero xa outros se delataron eles sos”.

Que pasa coa auga da piscina?

E isto lévanos a outra cuestión. Que pasa coa auga da piscina? Nós ata o momento, nesta tempada, non fixemos ningunha declaración ao respecto, nin denunciamos ningunha irregularidade, “así que gustaríanos que o señor Castro aclare quen está creando alarma social, cando o que foi á prensa con este tema foi el”.

  É certo que o Concello puxo a piscina en funcionamento con semanas de retraso, e temos constancia de que a empresa de mantemento da piscina está alí case a diario. E cónstanos que algúns días a auga vese algo turbia e que xa houbo algunha queixa, pero tiñamos a idea de que logo dos problemas do ano pasado, David tería collido conciencia de que a piscina só pode funcionar se a auga ten completas garantías sanitarias. Pero igual fomos optimistas.

“ E igual non teríamos moitas dúbidas se non fora por un detalle. A parte do circo que montaron dende o goberno local por este absurdo, pasou outra cousa. Como dixen, ao non poder coller a mostra da auga dinlle as gracias a persoa da piscina e deixei pasar, e seguín coa miña vida, permanecendo na cafetería coa xente coa que estaba aínda un tempo. Cando marchamos, falamos das dez da noite, a empresa de mantemento estaba traballando na piscina, eu diría que a todo correr”.

   Aínda que a intención do noso concelleiro era simplemente comprobar se o que el vía era correcto ou non, a turbidez da auga é un parámetro de obrigada comprobación diaria nas piscinas públicas. Polo tanto, se a auga non está cumprindo os parámetros de turbidez, ou se polo que sexa un día non se cumpren, hai que pechar a piscina. O deste luns foi cousa da curiosidade do noso concelleiro, pero á vista da reacción de David Castro e do seu equipo, poremos máis atención no que acontece na piscina, tal como é a nosa obriga como formación na oposición. E agardamos non ter que facer ningunha denuncia nin por de relevancia ningunha situación de insalubridade na piscina.

  Dende Somos Ribadumia temos constancia que entre a visita de Sergio á piscina e a chegada dos operarios de fontanería, Miguel Castro sí estivo na piscina, facéndose acompañar dunha parella de gardas civís. Evitou dirixirse a Sergio Soutelo que nin se enterou deste feito pero supoñemos que pretendía buscar algún motivo para denunciar ao noso concelleiro, ou meterlle medo. “David Castro vive na paranoia permanente e ve a Somos Ribadumia detrás de cada curva. El saberá que é o que tanto lle preocupa. Pero en todo caso nin ao noso partido nin a min en concreto me vai impresionar coas súas ameazas. E o de ir aos sitios coa Garda Civil é doutros tempos, e tampouco vai servirlle de moito. Estou aquí para cumprir coa miña función, e iso farei. Recoméndolle que se centre en gobernar e, senón se ve capaz, que se vaia para a casa ou a donde o queira colocar o PP”.

Deixar un comentario