David Castro admite erros na xestión do SAF.

  • David Castro admite que houbo erros na xestión do SAF, e que durante meses non fixo nada por solucionalos.
  • As mentiras de David Castro: non se informou do problema, estívose cobrando erroneamente meses e non se devolveron as cantidades mal cobradas.
  • Incapaz de resolver os problemas que el mesmo crea, David Castro dedícase a atacar a Somos Ribadumia.

   David Castro acudiu a prensa para intentar desacreditar a Somos Ribadumia, pero non puido negar a realidade, que é que efectivamente houbo erros na xestión dos cobros do SAF e que algúns recibos pasáronse polo dobre do que correspondía, e polo tanto o informado pola nosa formación foi correcto.

    O que non fixo David Castro foi dicir a verdade. A familia á que el se refire como única afectada, nós non podemos saber cal é, pero debe ser distinta da familia que nos permitiu acceso ás facturas para comprobar que efectivamente se lle estiveran pasando os cargos mal. Esta familia en concreto non foi en ningún momento advertida de ningún erro. Ao contrario, tivo unha persoa desa familia que dirixirse ao Concello e poñer a pertinente queixa e advertirlle ao goberno do erro na facturación,  pois no concello ata ese momento ninguén se percatara do que estaba acontecendo,  e tampouco llo resolveron de xeito inmediato, pois fixeron falla varias visitas ao Concello e varias queixas para que corrixiran os recibos, non así o reintegro das cantidades cobradas erroneamente, que está sen realizar.

   Resulta dunha máis que sospeitosa casualidade que o mesmo día que sae na prensa esta cuestión David Castro aprobara o reintegro dos cartos mal cobrados, para o caso de que así fora pois ese reintegro  a día de hoxe, como dixemos, non se fixo efectivo. Parécenos lamentable que a única maneira de que o goberno local actúe e solucione un problema sexa que dende Somos Ribadumia o fagamos público. Por que ademais non é a primeira vez que pasa: o concurso para adxudicar o servizo do SAF fíxose logo de que dende Somos Ribadumia advertiramos de que o servizo estaba conxelado e as altas da ducia de familias que levaban meses agardando pola xestión do Concello, fixéronse efectivas ao día seguinte de que Enrique Oubiña fixera pública a situación nun pleno municipal.

   En resumo, David Castro pretende culpabilizar  a Somos Ribadumia por facer públicos os erros da súa xestión, erros que nalgúns casos supoñen un custe económico para a veciñanza, e noutros como xa pasou poñen en risco a saúde das persoas. Poñemos no seu coñecemento, por se non caeu na conta, de que dende Somos Ribadumia imos seguir traballando e facendo o que nos corresponde facer. Quizais o que deba reflexionar é quen se presenta a alcalde pero despois deixa a xestión do concello totalmente abandonada.

Deixar un comentario