Cobros erróneos do Concello de Ribadumia polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

  • O concello leva meses mandando cargos de ata o dobre do correspondente nas facturas polo servizo do SAF.
  • Outro erro na xestión do que o goberno local non informou ás familias usuarias deste servizo e que intenta ocultar á opinión pública.
  • Non se sabe o alcance do erro, pero si se sabe que de momento o Concello non devolveu os importes mal cobrados nos casos onde as familias reclamaron.
  • Suma e segue cos problemas co servizo do SAF. Familias sen atender por non ter renovada a concesión, despois familias ás que directamente se lle bloqueaba o acceso  o Servizo de Axuda no Fogar, e agora facturas mal cobradas.
  • E suma e segue cos erros na xestión administrativa que pagan os veciños: dende as multas de aparcadoiro acumuladas, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga, erros con multa na facturación da auga, e agora erros no cobro do servizo do SAF.

 En días pasados tivemos coñecemento a través dunha familia do noso concello, do enésimo problema co servizo do SAF, que como todo os anteriores, resulta dunha mala xestión e do pasotismo do goberno local, que nin esta nin se lle espera na casa consistorial. Neste caso erros na facturación, que están provocando que as familias se lle carguen recibos de ata o dobre do que lle corresponde.

   Esta situación mantívose durante meses , e non sabemos se  sigue manténdose porque entre outras cousas non foi comunicada ás familias que teñen este servizo, todas elas coa facturación domiciliada, e tal como explica o noso concelleiro  Sergio Soutelo, “ houbo familias que notaron que lle estaban cobrando mal porque a cifra era alta, nalgún caso o dobre do aprobado pola Xunta, pero en casos onde o erro sexa pequeno, as familias afectadas poderían non darse conta, e temos a sospeita  de que o Concello tampouco ”.

   Por iso que dende aquí queremos advertir ás familias usuarias do SAF que revisen que o Concello lle estea facturando correctamente, e en caso contrario que poñan a pertinente reclamación na administración local.

  O noso voceiro Enrique Oubiña, que en maio deste ano denunciaba que unha ducia de familias tiña o servizo bloqueado por David Castro,  e antes, en setembro do 2022, denunciou a parálise que durante meses tivo este servizo, sen poder dar altas novas,  por non ter licitada unha nova concesión, considera que “esta é outra mostra da incapacidade de David Castro para xestionar o noso Concello, e sobre todo do pouco que se preocupa polas familias de Ribadumia. O SAF é un servizo primordial, pero David con tal de que se facture, aínda que sexa mal,  parece que xa está tranquilo. E iso sen valorar que para determinadas familias, un erro no cargo de 100 €, pode supoñer un pau económico importante, como para que aínda por enriba o alcalde se tome a resolución do problema con calma, deixando a esas familias meses agardando a que lle devolva o cobrado de máis”.

  Ademais, non é a primeira (nin a segunda) metedura de pata na xestión da administración local que vivimos en Ribadumia. Dende que David logrou a súa primeira maioría absoluta, en Ribadumia xa pasamos, entre outros,  por erros na xestión das multas de aparcadoiro, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga e por exemplo  erros na xestión dos recibos da auga, que fai agora un ano daban sustos de ata 2.000€ entre recibos e multas  a moitas familias no noso concello, todas situacións feitas públicas por Somos Ribadumia, que o goberno de David Castro primeiro ocultou, logo pretendeu negar, pero que rematou por admitir. Un cúmulo de “situacións puntuais” que demostran que en Ribadumia non hai ninguén gobernando.

Deixar un comentario