David Castro minte para intentar tapar o seu roubo á veciñanza.

- David Castro emitiu un comunicado dando datos falsos sobre liberacións de anos anteriores e sobre as aprobadas este luns en pleno.
- Oubiña non cobrou 1.900 €, senón 1.800 €, Vanesa Jorge colle unha liberación superior en máis de 400 € ao que cobraba no Concello e Miguel Castro non vai cobrar 400 €, cobrará 450€.
- A realidade é que o custe do goberno pasou de 54.000 € no 2015 a 70.000 € neste 2023, e coa Seguridade Social, o total vai pasar de 70.200 € a 91.000 €. Unha suba de case o 25% do custe en liberacións.
David Castro é incapaz de facer unha declaración pública sen referirse a Enrique Oubiña, e iso que Oubiña xa non é concelleiro. A nós iso non nos preocupa moito, pero preferimos que cando faga ese tipo de intervencións procure non dicir mentiras.
Este pasado luns David Castro emitiu un comunicado onde, coa intención de disimular o roubo ao que vai someter á veciñanza os próximos catro anos, deu datos falsos sobre o que cobrou Enrique Oubiña na lexislatura 2015/2019 e sobre o que vai cobrar nesta Miguel Castro, chegando a declarar que o custe de liberacións era “practicamente o mesmo” que no 2015.
Polo tanto, antes de facer outras apreciacións, queremos remarcar os datos reais:
- No pleno de formación de goberno do ano 2015 aprobáronse dúas liberacións. Unha completa de 1.800€ para Enrique Oubiña (33.500 € brutos), esta co detalle de que supoñía unha merma de aproximadamente 500 € con respecto ao que Oubiña cobraba no sector privado, e outra de 1.200 € para David Castro, que comprometeu a recortar unha parte proporcional no seu traballo, compromiso que non cumpriu, sumando o seu salario público ao privado, xusto o contrario do que fixo Oubiña. Estas dúas retribucións, suman 54.000 €/ano, non 55.000 € como declarou David Castro. A isto habería que sumarlle os gastos de seguridade Social, cos cales a cantidade subiu ata os 70.200 €.
- No ano 2019 David Castro subiuse o salario a 1.500 € sen xustificación algunha pois non modificou nin a súa presenza no Concello nin a súa función pública, e deu falsas liberacións a dúas concelleiras, por 900 € cada unha delas, subindo así o custe económico aos 61.000 € en salarios, e ata os 79.300 € coa Seguridade Social.
- Este pasado luns aprobáronse tres liberacións: unha completa, a de Vanesa Jorge, cun valor mais alto que o que cobraba como traballadora do Concello. Unha bonita suba de salario de 400 € ao mes, chegando así aos 1.900€ , un evidente pago de favores. As outras dúas liberacións en falso, pois non supoñen recorte no posto de traballo privado, son a de David Castro de 1.500 € e a de Miguel Castro, que se aprobou en 450€, outro regalo, non en 400 € como se quixo facer creer. Isto coloca o custe total do goberno de David Castro en 91.000 €, case un 25 % máis do que custou o goberno do 2015.
- Se na lexislatura 2015/2019 o custe dos políticos foi de 280.800 €, nesta será de 364.000 €.

Aclarado isto, dende Somos Ribadumia, tal e como o noso concelleiro Sergio Soutelo expresou no pleno, “nós non entramos en debater as cantidades nin as liberacións. O que non podemos aceptar é que se lle pague a un alcalde por non estar no Concello, e que o señor Castro, que non aparece polo concello antes da unha da tarde e que non atende á veciñanza, se poña un salario do Concello por seguir traballando na empresa privada sen atender ás súas obrigas como alcalde”.
A nosa postura no pleno, compartida por todas as forzas da oposición foi que David Castro en calidade de alcalde debe ter unha liberación completa e estar no Concello atendendo á veciñanza, non cobrar do concello e atender á empresa privada.
Por outra banda, David Castro non foi capaz de explicar a xustificación dunha liberación de 450 € para Miguel Castro nin a suba importante con respecto ao seu salario de Vanesa Jorge, que vai ter as mesmas funcións que Pilar Martinez na lexislatura pasada pero cobrando máis do dobre, e á que por certo hai que seguir pagándolle as mutualidades polo seu posto no Concello que correspondan mentres estea liberada, todo con cartos públicos. Como xa dixemos, cobrar sobre-salarios e nin sequera estar no concello no horario de atención ao público é roubarlle á veciñanza, e cobrar salarios sen xustificación, tamén. .
Por último, recordarlle a David Castro que hai un documento asinado ante notario onde se especifican as condicións do acordo acadado no 2015 para o goberno de Ribadumia. Ese acordo foi redactado por unha compañeira súa seguindo o proceso de negociación, e a parte de liberacións e correspondencia económica foi a última en definirse. O primeiro en acordarse foi facer alcalde a David Castro, concelleiro electo de IR. “Igual se o señor Castro quere facer memoria, lle vaia ben recordar como chegou á alcaldía de Ribadumia e gracias a quen”.

