David Castro dispara o custe do goberno local ata os 70.000€ ao ano.

- A proposta para a formación de goberno inclúe tres liberacións: David Castro, Vanesa Jorge e Miguel Castro.
- 70.000€ ao ano, contra os 54.000€ ao ano que custou o tripartito.
- David Castro recorta o funcionamento democrático do concello bloqueando o acceso ás Comisións Informativas.
- Por primeira vez dende que existen as Comisións Informativas, non van estar presentes todos os partidos con representación no Pleno.
- David Castro oculta a súa proposta para a Mancomunidade e o reparto de áreas de goberno.
David Castro, que ten maioría absoluta e podía ter convocado o pleno de formación de goberno fai un mes, estivo agardando case ata o último momento a convocar ese pleno de organización para ocultar as súas intencións de formar a corporación menos democrática e a máis cara dende que temos democracia, intentado novamente escapar da opinión pública. De feito, o pleno está convocado para este próximo luns as 21:30 horas, nun intento de evitar a exposición pública.
De partida, a proposta enviada ao noso concelleiro, Sergio Soutelo “inclúe tres liberacións. En realidade unha liberación total, a de Vanesa Jorge (35.000 € brutos) , que vai ingresar 1.900 € ao mes en 14 pagas, e dúas falsas liberacións, a de David Castro ( 28.500 € brutos), con 1.500€/mes e a de Miguel Castro (6.500 € brutos), con 450€/mes que van cobrar pero sen deixar de lado o seu traballo, o cal supón na práctica que van cobrar un sobre-salario do público mentres manteñen o 100% do seu traballo no sector privado, algo que nós non podemos compartir”. Dende o noso punto de vista, os concelleiros que se acollan a liberacións, deben facelas efectivas pois esas liberacións son para realizar traballo político no Concello, non un pago de favores. E dende logo, o alcalde debe estar no concello no horario no que este está aberto.
Máis aló disto, esta proposta supón o goberno máis caro dende que temos democracia, ao pasar dos 54.000€/que costou o goberno do 2015/19 aos 70.000€. Non está nada mal para o equipo que dicía que non viña á política a cobrar. En todo caso, insistir en que nós non nos opoñemos ás liberacións dentro do razoable. Ao que nos opoñemos é ao pago de favores con cartos públicos e a que se lle roube á veciñanza.
En canto á formación do goberno, David Castro pretende facer algo inaudito, que é recortar a presenza dos partidos políticos nas Comisións Informativas previas a pleno, algo que non fixo nin no 2019, nin no 2015. De feito, de aprobarse esa proposta, sería a primeira vez en democracia e dende que existen as Comisións Informativas que non estarían presentes todos os partidos con representación na corporación.
Neste aspecto, nós seguimos defendendo, como no ano 2015, que todas as formacións políticas estean en todos os órganos de decisións que lle corresponda, tanto nas Comisións Informativas como nas Xuntas de Voceiros ou nas mesas de contratación. Neste aspecto ao ter constancia da proposta de David Castro, presentamos unha proposta ao resto da corporación para crear a Comisión Informativa Única, onde teñan presenza todas as concelleiras e todos os concelleiros, pois ademais hai que recordar que nos plenos o voto é persoal, e convén sempre que nos órganos previos aos plenos todas as persoas con cargo de concelleiro e concelleira teñan completo acceso a toda a información, e poidan dar a súa opinión, defender as súas propostas ou aportar ao que se debata.
Outra cuestión que chama moito a atención, é que o goberno local non quixo expor o reparto de áreas dentro do goberno, nin as persoas que propón para a Mancomunidade. De partida, parécenos unha falta de respecto que a estas alturas e logo dun mes co goberno sen organizar, non se informe á metade da corporación de quen van a ser as persoas responsables das diferentes áreas de traballo, que neste caso serán nove, e se David Castro pretende propoñer a algún compañeiro ou compañeira para ocupar unha cadeira da Mancomunidade, máis que nada porque hai que votar as diferentes propostas.
En resumo, a veciñanza retiroulle a David Castro unha parte importante do seu apoio, que foi a outras forzas políticas, pero este leeu mal a mensaxe e agora pretende recortar a presenza nos órganos colexiados municipais de partidos que obtiveron representación municipal e polo tanto contan co apoio dunha parte da veciña, ademais de que usa a institución municipal para pagar favores políticos, dando liberacións, e tamén falsas liberacións, unha delas a si mesmo.
Con todo, nós aínda confiamos en que o sentido común e da democracia prevaleza e conformemos unha corporación equilibrada e democrática, onde todas as forzas políticas e todos os concelleiros e concelleiras teñan a posibilidade de expresarse en igualdade de condicións, e co diálogo como máximo mecanismo para buscar acordos. Aínda estamos a tempo de recuperar un funcionamento que chegou a ser modélico.
