Caos total no concello de Ribadumia.

- Avarías continuadas na rede de auga, problemas para por en marcha a piscina, as rutas de turismo abandonadas, o comedor da escola de verán saturado … e ninguén collendo o telefono do Concello.
- En plena tempada de verán e o Concello está colapsado polas avarías e os problemas derivados da falta de mantemento e de xestión.
- Colapso, por mala organización do Concello do servizo de cátering, pero o goberno di que non sabe nada nin ten nada que ver.
- David Castro, desaparecido.
Ribadumia encontrase nunha situación completamente insostible. Os problemas de mantemento son continuos, sobre todo na rede de suministro de auga, pero pasa o mesmo coas instalacións municipais, as actividades de conciliación e incluso os espazos máis visitados pola veciñanza e o turismo presentan un estado lamentable.
No último mes tivemos non menos de media ducia de problemas por avarías na rede de suministro da auga, con cortes longos de suministro en varias zonas, e non nos referimos ao problema habido en Pontearnelas, senón a diversos problemas dentro da rede local.
Ademais disto, parecera que non houbese ninguén traballando no departamento de mantemento do Concello, e dende logo non hai ninguén ao mando. Temos varios puntos en estradas locais vallados polo concello, algúns dende fai máis de un mes, sen que os problemas que haxa se solucionen. Tampouco parece que houbese moita presa por solucionar os supostos problemas da piscina municipal, que fai días que debería estar aberta ao público, e so logramos que se axilizaran as reparacións e se abrira logo dunha campaña nas redes sociais.
Por outra banda, vimos de ter coñecemento de que o servizo de comedor da escola de verán colapsou xa ao poñerse en funcionamento, ao ter unicamente unha monitora para dar de xantar a unha trintena de nenos e nenas na aula de Ribadumia, algo inviable. No momento de redactar este comunicado o asunto está sen resolver. No Concello non foron capaces de dar solución algunha, ata o punto de que membros do goberno escapista de David Castro chegaron a asegurar que o comedor non era responsabilidade do Concello senón dun colectivo alleo a este. Por suposto, é un servizo municipal, subcontratado polo goberno local a unha empresa á que polo visto ninguén controla.
Por outra banda, en plena tempada turística, Ribadumia está dando unha imaxe lamentable. A ruta da pedra e da auga e a senda do Umia, os nosos maiores atractivos, presentan unha imaxe de abandono, co mobiliario apodrecido e esnaquizado, taboas nas pontes de madeira soltas supoñendo un perigo, barreiras de seguridade en pontes que faltan … e o peor disto, é que a situación leva así de grave meses, sen que o goberno local faga nada. Tampouco se solucionaron os problemas da oficina de turismo a pesar do lavado de cara que se lle realizou recentemente, e segue sendo un forno sen aire acondicionado, nin aseos nin auga corrente.
E todo isto acontece nun clima de total descontrol, cos concelleiros e concelleiras sinalandose uns a outros pero sen que ninguén se faga responsable de nada, ata o punto de que nin sequera parece haber persoal para atender ao teléfono no Concello, e que descolguen resulta algo case tan difícil como ser atendido por algún membro do goberno local.
E por último, o máis lamentable. Coa situación de caos de xestión que vive o concello, coa cantidade problemas que estamos tendo en cuestións de mantemento, e David Castro esta completamente desaparecido.
Dende Somos Ribadumia entendemos que poida haber puntualmente un pico de problemáticas, sobre todo tendo en conta o mal mantemento que dende fai anos padece o noso Concello, e a torpe xestión que se esta facendo en todas as áreas, pero o que non podemos aceptar é que o goberno e en concreto o alcalde se vaia de vacacións ou desapareza do mapa polo motivo que sexa, e deixe o concello ao pairo, sen ninguén competente que xestione as situacións.
