A Xunta volve rirse das nais e pais do CPI Xulia Becerra Malvar.

- Anuncia como grandes obras repoñer unha cuberta retirada na anterior obra e arranxar un par de aseos.
- Nin rastro das obras que reclama o colexio, nin do cambio de tellado, nin do patio cuberto, nin de ningún dos arranxos propostos pola comunidade escolar, como a substitución dos chans.
- David Castro , que so aparece para as fotos, caladiño.
Esta semana David Castro acudiu correndo e sen avisar ao CPI Xulia Becerra Malvar a facerse unha foto con técnicos de educación, para anunciar un suposto “investimento de importancia” en obras de “humanización no interior e no exterior do colexio “.
Dende Somos Ribadumia puxémonos en contacto coa dirección do centro co obxectivo de saber en que ían consistir esas obras no concreto. Obviamente 32.000€ á Xunta, que tende a estragar os cartos públicos, non ían darlle para moita obra, pero cal foi a nosa sorpresa cando nos explicaron que a “humanización no exterior” vai consistir en repoñer unha cuberta que foi retirada pola empresa que realizou as obras anteriores, unha cuestión que xa dende a nosa formación puxemos de relevancia no pasado mes de xaneiro, e que a “humanización interior” vaise concretar en reparar un par de aseos, nin sequera todos, e nin sequera esta claro en vai consistir esa reparación. Non se vai, facer nada máis.
De partida, que unha empresa retire unha cuberta, e teña que ser a Consellería quen se faga cargo de repoñela non deixa de ser unha mostra de como usa a Xunta os fondos públicos, permitindo que as empresas adxudicatarias das obras fagan o que lle dea a gaña, sen reparar nos gastos.
Dende a nosa formación consideramos unha completa tomadura de pelo a actitude que dende fai anos a Consellería de Educación mantén co Colexio de Ribadumia e por extensión con toda a comunidade educativa, nais, país, alumnado e profesorado. É inaceptable que logo de anos de compromisos sen cumprir e despois dun investimento de case 900.000€ as eivas importantes do Colexio, algunhas delas por certo recollidas no proxecto desa obra, estean sen solucionarse. E máis tomadura de pelo é que faga falla máis de un ano e un curso escolar á choiva para que unha Consellería poña unha sinxela cuberta.
Dende Somos Ribadumia nin comulgamos con rodas de muiño nin aceptamos caramelos para estar calados. Hai que deixarse de parches. O Colexio precisa dun investimento de importancia, pero ben empregado, non como o anterior, que se resolvan os problemas de degradación dun centro que supera o medio centenar de anos sen apenas reformarse, e se doten os espazos necesarios. E David Castro, ten que deixar de facerse fotos e poñerse a traballar pola veciñanza de Ribadumia.
