David Castro bloquea unha dedución importante na declaración de Facenda das familias que usan a gardería.

- En Facenda non constan os pagos das nais e pais da gardería de Ribadumia.
- A preto do cento de familias usuarias da gardería non lles aparece no borrador da declaración ese gasto deducido, que pode chegar a 400 € por un fillo, e ata 600 € tendo dous ou mais de menos de 3 anos.
- O goberno local, enganando a Facenda, e de vacacións.
A preto dunha semana do final do prazo para presentar a declaración da renda as familias usuarias da gardería estánse encontrando con que os gastos dese servizo non lle aparecen deducidos no borrador da declaración, e con que para que llos acepten teñen que presentar as facturas e agardar a que o Concello faga o que non fixo antes, pois resulta que non declarou os ingresos xerados na Gardería.
Polo tanto, todas as familias con nenos na gardería están perdendo unha dedución do 30% dos custes da gardería na súa declaración, ata un tope de 400 € por neno ou nena, 600 € se se teñen máis de un fillo en idade de gardería, unhas cantidades nada pequenas. Como moitas nais e pais non se fixan en todos os datos da declaración de facenda, ou son primeirizos e descoñecen que poden desgravar estes cartos, dáse a circunstancia de familias que xa presentación a declaración sen corrixir esta situación. E para o caso, esta inconcibible actuación do goberno de David Castro obriga as nais e pais a andar con papeis e solicitar revisións das declaracións, presentar as facturas e certificados e agardar a que o concello corrixa a situación.
Pola nosa banda, consideramos que se xa é lamentable que un Concello, que debería ser exemplar nos trámites coa Facenda Pública, non presente correctamente en Facenda as súas facturacións, moito peor nos resulta que ante unha metedura de pata deste tamaño, garde silencio no canto de emitir unha circular informando a nais e pais do erro e de como proceder para solventalo da mellor maneira posible. Pero, seguindo a liña de actuación de David Castro, non so non se advirte nada, senón que as nais que foron ao Concello a preguntar por esta cuestión tampouco se lle deu solución algunha.
Convén pois advertir a todas as nais e pais que no ano 2022 fixeran uso da gardería municipal, que revisen as súas declaracións de facenda.
