Programa Electoral

programa goberno

   No ano 2015, Somos Ribadumia accedemos ao goberno municipal logo de asinar un acordo con IR e Psoe. Froito dese acordo ao longo da lexislatura 2015/19 lográronse  cambios importantes na xestión municipal a todos os niveis. Porén, nestes últimos catro anos de maioría absoluta de David Castro o Concello sufriu unha parálise importante. O único en positivo que como forza política podemos sacar deste período é que a veciñanza caeu na conta de que se o goberno da lexislatura 2015/2019 funcionou tan ben, foi gracias ao noso traballo.

    Somos Ribadumia aspiramos a ter un papel relevante na conformación do próximo goberno e na súa xestión. Neste sentido, e tendo en conta a experiencia acumulada nestes anos, tanto no goberno como dende a oposición, a Comisión Executiva de Somos Ribadumia, responsable da elaboración dun programa electoral, abogou por ir máis aló na súa proposta, e logo de reunirse ao longo deste tempo con diferentes colectivos e de escoitar á veciñanza, elaborou este documento, que recolle as que serán as liñas mestras do próximo goberno municipal, coas medidas que deberán implementarse, e que foi aprobado en asemblea do  1 abril de 2023.

   O obxectivo deste programa é recuperar a senda de avances iniciada na lexislatura 2015/19 e paralizada polo goberno absolutista de David Castro a través dun programa de goberno realizable e realista,  cunhas intencións que se condensan no lema:

  

E para conseguir este obxectivo, establécese o desenvolvemento a través de medidas de carácter político de varios fitos diferenciados.

Estes  fitos diferenciados son:

  • Impulso ás políticas sociais e de integración dos sectores máis desfavorecidos da sociedade así como ampliar e mellorar a loita contra a exclusión social,  a través de medidas especificas e efectivas.
  • Asentar  poboación no Concello, para conseguir inverter a pirámide poboacional e unha maior estabilidade económica, traballando co obxectivo de chegar no medio prazo a 6.000 habitantes.
  • Mellora da participación e integración veciñal no desenvolvemento do noso concello.
  • Dignificación do traballo político.
  • Aumento da calidade de vida en aspectos sociais e medioambientais, a través das melloras urbanísticas, e de dotación de contidos dos diferentes espazos públicos cos que conta o noso concello, así como das políticas sociais e o apoio ó deporte, a cultura  e os espazos educativos.
  • Mellora na calidade turística, traballando no aumento e mellora dos recursos turísticos seguindo criterios de sustentabilidade e coidado medioambiental.

Para lograr estes fitos, establécense as seguintes medidas, separadas en varias áreas de actuación:

MEDIDAS DE ATENCIÓN SOCIAL E LOITA CONTRA O PARO.

   ATENCION SOCIAL

O intenso traballo realizado no período 2015/2019, coa mellora de recursos no departamento de servizos sociais, a revisión do “fogar dos maiores “ creando o “club senior”, así como a forte aposta pola defensa das vítimas da violencia de xénero e o apoio a igualdade das persoas e a formación en valores positivos  dos máis novos, foi freado en seco polo goberno de David Castro, que deixou esmorecer todas as medidas tomadas, cando non as eliminou directamente.  Compre, pois,  recuperar esa senda, apostando por cuestións e medidas necesarias:

  • Dedicar como mínimo o 10% dos recursos orzamentarios do Concello a políticas sociais.
  • Loitar pola calidade da atención médica no centro de saúde, e a dotación e reforzos de servizos, en particular o servizo de pediatría.
  • Bolsa de axuda económica para acceso a estudos, medios, superiores ou universitarios, destinada a persoas con poucos recursos,  e mellora das axudas actuais para primaria e secundaria.
  • Impulso das políticas orientadas á xuventude, coa creación da mesa da xuventude, que inclúa a entidades deportivas, escola de música, o colexio, o sector  hostaleiro e colectivos sociais.
  • Potenciación do  Club Senior e do Fogar dos Maiores como local de encontro e centro de actividades para a terceira idade.
  • Melloras nas políticas de conciliación:

Aumento do horario da escola de verán para poder dar servizo durante toda a xornada laboral, e mellora  do plan madruga e a escola de ocio durante o curso escolar.

Implantación do plan madruga, escola de ocio e comedor escolar no CRA , e plan madruga  na gardería municipal.

Rebaixa dos prezos dos servizos de gardaría municipal, plan madruga, escola de ocio e escola de verán, para as familias con rendas inferiores os 30.000€  netos ó ano. 

LOITA CONTRA O PARO

A  mellora das políticas sociais debe camiñar parella á loita contra o paro e a precariedade laboral, que seguen afectando a demasiados veciños e veciñas, especialmente a mulleres e á xuventude:

  • Recuperación das parcelas do polígono industrial de Cabanelas sen actividade para poñelas a disposición de empresas en réxime de concesión a cambio da creación de empregos.
  • Establecemento dunha caixa de financiamento local  e outros mecanismos de axuda económica, para apoiar proxectos empresariais viables de emprendedores de Ribadumia, primando as axudas de financiamento a aqueles proxectos empresariais que xeren emprego, que aposten polo cooperativismo ou que impulsen o desenvolvemento do rural.
  • Mellorar  as liñas de axudas á contratación adaptándoas ao plan de contratación “Ribadumia Ocupa”, presentado no 2017, máis ambicioso e con mellores condicións para as empresas e traballadores que o actual.
  • Impulsar a creación de empresas municipais, que favorezan a inclusión social.
  • Apoio á Comunidade de Montes de Lois na elaboración e desenvolvemento de plans de aproveitamento e posta en valor do monte.
  •  Crear unha oficina de  asesoramento a emprendedores e pequenos empresarios, para axudar nos trámites a aquelas persoas que queiran darse de alta ,  crear unha empresa, ou acceder a axudas da administración.
  • Dotar un espazo e crear unha axenda formativa profesional, para profesionais en activo, persoas paradas e colectivos desfavorecidos.
  • Repensar o mercado municipal de Abastos, actualizando o seu uso e  impulsando a realización de mercadiños e exposición de produtos da zona.
  • Apoio á produción e comercialización de produtos biolóxicos e ecolóxicos, como complemento e alternativa de mercado a produción agrícola tradicional, cos principios da economía circular como eixe de acción.
  • Impulsar a legalización do “folla redonda”.
  •   Impulso á  Asociación de Comerciantes.
  • Creación de incentivos para fomentar o consumo no comercio e a hostalería local, con axudas, e descontos no acceso a instalacións e actividades do Concello (piscina, auditorio, …). Creación dunha tarxeta do comercio local e creación de recursos propios (por exemplo, unha moeda local)  que favorezan o consumo dentro dos marcos do noso concello.
  • Creación dun Viveiro de empresas para apoiar a emprendedores que queiran abrir novos negocios.

MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO TURISMO

   O turismo xa non é un fenómeno alleo ao noso concello. O aumento do transito pola ruta da pedra e da auga e pola senda fluvial do Umia supuxo un forte impulso neste sentido, pero debemos buscar algo máis que persoas que entren por un lado do Concello e saian polo outro hora e media despois sen apenas deixar rendemento económico, por iso propoñemos medidas especificas para que o turismo cree riqueza.

  • Mellora de rede de sendas fluviais e creación de novas rutas naturais e culturais que poñan en valor o noso Concello.
  • Establecemento dunha oficina de turismo permanente.
  •  Melloras e dotación de servizos complementarios nas contornas culturais e turísticas, como o monte do Castro, zonas de muíños e lavadoiros, Igrexas, pazos …
  • Medidas de aproveitamento turístico do sector vitivinícola, con organización de actividades específicas e de visitas guiadas a bodegas e viñedos, así como melloras na promoción da festa do viño.
  • Medidas de apoio á creación de novas prazas de aloxamento hostaleiro.
  • Creación e dotación de equipamentos para unha área de estacionamento e servizos destinada a autocaravanas.

MEDIDAS URBANISTICAS E DE PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE.

   Urbanisticamente Ribadumia medrou dun xeito exponencial entre 2000 e 2008, ata que a grave situación económica provocou o estancamento da obra nova. A isto hai que sumarlle a atención posta no desenvolvemento do centro de Barrantes en contraposición á ausencia de plans específicos para o rural, que axudou a que a poboación se concentrase no núcleo de Barrantes  favorecendo o progresivo abandono do campo, onde por outra banda estase vivindo unha situación de concentración de cultivos, concretamente o albariño. Neste sentido compre asentar as bases dun desenvolvemento sostible e ordenado do noso concello, que aposte polo aumento da poboación, pero especialmente pola calidade de vida e o impulso á vida no rural. No mesmo ámbito de actuación corresponden as medidas de protección medioambientais e de posta en valor do noso patrimonio natural e etnográfico.  Para conseguir isto un equipo integrado por membros da Comisión Executiva de Somos Ribadumia co apoio de persoal cualificado, arquitectos, e de diversos colectivos, entidades, etc, desenvolveu un plan específico, onde se establecen as medidas concretas de desenvolvemento urbanístico en todo o Concello, algunhas  das cales son:

  • Revisión e modificacións puntuais  do PXOM para mellorar a ordenación e favorecer a edificabilidade en todo o concello.
  • Modificación e mellora de todo o casco urbano de Barrantes, seguindo os parámetros actuais de priorización das persoas sobre dos vehículos, con medidas de redución e calmado do trafico,  e recuperación de espazos públicos que favorezan a mobilidade a pé e unha maior liberdade e seguridade para nenos e persoas maiores.
  • Solución para a rúa do DIA, e aumento das prazas de aparcadoiro nesa zona e noutras de Barrantes.
  • Unificación física do núcleo de Barrantes co de Ribadumia, (centro de saúde, auditorio, campo de fútbol, biblioteca, fogar dos maiores, piscina) , a través da mellora da comunicación a pe, e  con carrís bici.
  • Dotar  o centro de Barrantes dun local propio de usos múltiples, onde dar acollida as diferentes entidades sociais, así como a un espazo para a xuventude, unha nova escola de música  e un local de ensaio.
  • Actuacións de mellora nas contornas dos centros educacionais, colexio e aulas do CRA, dotando estes de maiores servizos, mellorando a seguridade do acceso dos nenos e nenas ó colexio, a  gardería  e ós CRAs e reincorporando o comedor escolar ás instalacións propias do colexio.
  • Melloras nos parques infantís, e dotación de espazos de xogo cubertos, fontes  públicas   e aseos en todos os parques do Concello.
  • Creación dunha liña de incentivos para o asentamento de familias no rural, axudas á construción e rehabilitación de casas, etc .
  • Adquisición de chan e busca de convenios para rematar os edificios aínda baleiros, así como para crear unha bolsa de vivendas de carácter social para favorecer o acceso a persoas novas ou con poucos recursos.
  • Mellora da xestión e control do Servizo de Abastecemento de Auga sanitaria aos domicilios e fontes públicas (melloras na potabilización, control das perdas na rede, aproveitamento de pozos naturais…).
  • Completar a rede de saneamento e abastecemento de auga en todos os núcleos de poboación, a través de solucións que permitan a redución do alto custe económico de dar servizos a certas zonas.
  • Mellora da xestión do Auditorio e demais instalacións culturais e deportivas do Concello.
  • Creación dunha aula da interpretación do entorno do Umia ó aire libre, aproveitando a senda fluvial.
  •  Creación dun Plan Municipal de Xestión de Residuos, co obxectivo de establecer as pautas de actuación para poder cumprir os compromisos europeos en materia de redución de residuos, con medidas como a promoción da compostaxe domestica no rural, a mellora da recollida selectiva, a posta en marcha dun plan para  tratar os residuos urbáns, ou a ampliación do horario de apertura do Punto Limpo en Leiro.
  • Creación dun Plan Medioambiental de loita contra especies invasoras.
  • Revisión periódica da a calidade da auga en todas as fontes e lavadoiros, así como a súa posta en valor dende o punto de vista etnográfico.

MEDIDAS DE MELLORAS DA PARTICIPACIÓN CIDADÁ  E XESTIÓN MUNICIPAL.

   A transparencia e boa imaxe da xestión o goberno municipal e na atencón e relación coa veciñanza acadadas na lexislatura 2015/19 sufriu con David Castro un importante retroceso, polo que agora toca recuperar o perdido, e seguir avanzando:

  • Recuperar as formas de funcionamento transparente do goberno, a publicación de toda a información e das decisións de interese para a veciñanza.
  • Establecemento dos ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS, para que todas as asociacións e entidades poidan expoñer as súas necesidades e aportar as súas suxestións na elaboración dos orzamentos anuais do Concello e as parroquias sexan consultadas a hora de acordar os investimentos prioritarios nas mesmas.
  •  Establecemento dun regulamento para fomentar a participación veciñal, recollendo a posibilidade de intervir nos plenos, facer preguntas e rogos directamente ao equipo de Goberno, ou presentar iniciativas cidadáns para a súa aprobación pola corporación.
  • Xestionar a apertura dunha Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) no Concello de Ribadumia, para asesoramento e xestión de reclamacións de consumo (facturas luz, telefonía, ect.)
  • Creación do Consello Económico e Social para a participación dos comerciantes, e Asociacións de empresarios na actividade municipal, con funcións de consulta e asesoramento en materia de medidas de creación de emprego e impulso da economía municipal.

 Tampouco podemos deixar de lado a xestión municipal, tanto no que afecta a veciñanza, como no que afecta ó propio funcionamento interno do Concello,

  • Recuperación paulatina de servizos públicos privatizados para a súa xestión directa por parte do Concello, (mantemento de alumeados, saneamento …).
  • Revisión da RPT municipal e adecuación e profesionalización dos diferentes eidos municipais, dende o administrativo e servizos municipais, a obras, limpeza, xardinería e mantemento.
  • Avanzar na comarcalización de servizos, como a atención de emerxencias, (o SAF) e aumentar a aposta por outros como o CIM.
  • Recuperar os mecanismos de transparencia na  contratación, e integración dos partidos da oposición nas mesas de contratación.

MEDIDAS DE MELLORA NO AMBITO DA CULTURA, O DEPORTE E O ASOCIACIONISMO

   A promoción da cultura vai ligada á promoción turística, así como ó reparto de axudas ás entidades, pero ten características que merecen propostas específicas. Por outra banda, durante esta lexislatura David Castro volveu politizar actos que foran despolitizados na nosa etapa. A cultura non debe ser nin ferramenta electoral nin  a irmá pobre dos orzamentos, polo que expoñemos medidas específicas.

  • Creación da Fundación Festa do Viño Tinto, que incluirá os diferentes axentes políticos e sociais, e deberá xestionar a nosa festa máis importante.
  • Creación da Axenda de Parroquias , que leve diferentes actuacións culturais ás parroquias do noso concello.
  • Creación dos Consellos Locais do Deporte e da Cultura con presenza das entidades deportivas e culturais existentes do Concello, como órganos consultivos en materia de xestión deportiva e cultura do Concello, xestión das instalacións municipais, …..
  • Mellora económica das partidas para o reparto de axudas e subvencións entre as Asociacións, entidades culturais e Clubs deportivos do Concello. Revisar a vinculación cos convenios particulares.
  • Elaboración de convenios coas entidades de maior tamaño, para garantir o financiamento público.
  • Reforzar a aposta polas escolas deportivas e culturais.
  • Protección vía municipalización ou convenios dos eventos de máis relevancia, como o Descenso do Umia, , ou a Festa da Diversidade.
  •  Revisión do convenio coa Escola de Música e mellora das instalacións musicais.
  • Impulso ás campañas de nadal e entroido, así como outras datas de relevancia, dotando de recursos e mellorando a xestión organizativa dos desfiles, cabalgatas e eventos, así como das actividades paralelas, e apostando pola participación dos diferentes colectivos locais.
  • Despolitización dos eventos públicos.

Un comentario

  1. Pingback: Aprobada a nosa lista electoral. | Somos Ribadumia

Deixar un comentario