Iniciamos o proceso para a elección do candidato/a.

- A Asemblea deu mandato á Comisión Exectiva de iniciar o proceso.
- Xa está aberto o prazo para candidatarse.
- O obxectivo é ter candidato ou candidata antes do verán.
- Sergio Soutelo xa anunciou a súa intención de presentarse para esta responsabilidade.
Somos Ribadumia celebrou este pasado sábado unha asemblea ordinaria na que se realizou unha análise do traballo político desenvolto nos últimos anos e se iniciou unha reflexión sobre o futuro do proxecto municipalista no concello.
Durante a súa intervención na asemblea, varios membros da Comisión executiva deron conta do traballo feito e das contas do partido, e o actual concelleiro, Sergio Soutelo, fixo balance do traballo realizado durante os últimos tres anos como representante da formación no Concello, un período marcado —segundo destacou— pola proximidade coa veciñanza, o contacto directo cos colectivos e a atención constante aos problemas do municipio.
Tal e como explicou, a acción política de Somos Ribadumia durante este tempo baseouse nun principio moi claro: estar preto da xente e escoitar á veciñanza.
A Asemblea validou como positivo o traballo e feito e tomou decisións de futuro inmediato. Entre esas decisións as dúas máis reseñables foron a de concorrer ás próximas eleccións municipais e a de dar inicio ao proceso de elección de candidato, adiantando un proceso que tradicionalmente se facía seis meses antes da cita electoral.
A decisión de presentarse ás eleccións ven determinada polo convencemento da necesidade dunha forza como a nosa en Ribadumia, con carácter independente, apegada á nosa veciñanza e sen dependencias externas nin moito menos gurús que dirixan todo por detrás. Consideramos que o modelo político que defendemos, asentado nunha estrutura ben definida e ordenada e nun proxecto sólido, centrado no intenso traballo diario e na continua escoita á veciñanza, está sendo recoñecido e valorado e, con independencia dos votos que moitas veces atenden a dinámicas distintas e non sempre fan xustiza cos partidos, estamos identificados como a alternativa política a un PP que en Ribadumia mantén unha dinámica particularmente destrutiva, cunha xestión continuamente posta en dúbida que está poñendo en perigo a situación económica e os recursos do Concello, e cun comportamento moi negativo coa veciñanza e de enfrontamento continuo con todo aquel , sexa político ou non, que teña algo negativo que dicir.
Resumindo. A pesar de que outros nos deron por mortos en varias ocasións, demostramos que estamos lonxe de ser unha moda pasaxeira e que seguimos vivos, e a cidadanía recoñece o noso esforzo, polo que agora toca o traballo final de transformar ese recoñecemento en votos que nos permitan acceder ao próximo goberno local e facer realidade un cambio de rumbo moi necesario así como unha normalización política e social que remate co enfrontamento continuo no que nos ten metido o señor Castro xunto ao seu equipo.
A segunda decisión de importancia foi a de acelerar o proceso de elección da persoa que debe encabezar a lista nas próximas eleccións municipais. Ese proceso tradicionalmente realizábase seis meses antes das eleccións, pero para esta ocasión decidiuse adiantalo para que a persoa que sexa candidata dispoña de tempo para poder atender as obrigas do cargo e actuar acorde a el e en representación do partido, sen que a veciñanza teña dúbida ningunha cando fale con esa persoa de que está falando coa cabeza de lista e lider do partido. Ademais disto, entendeuse que era preciso para ordenar os tempos políticos da organización, coa intención de preparar con antelación suficiente o proxecto que se presentará á veciñanza.
Así pois, a Asemblea deu mandato á Comisión Executiva, que este pasado luns reuniuse de urxencia e iniciou o proceso, designando as persoas responsables de guiar o proceso e de corroborar que todo se fai acorde aos estatutos de Somos Ribadumia , e abrindo formalmente o prazo para que as persoas que o desexen se candidaten para o posto. Compre recordar que o noso é un partido totalmente aberto, sen dirixismos nin imposicións, razón pola cal existe este proceso, completamente democrático, garantista e pragmático, que permite que calquera persoa que se identifique e encontre encaixe co noso proxecto político poida presentarse ao cargo aínda que ata o dia de hoxe non tivera participado activamente no partido contando con todas as garantías de igualdade de trato e oportunidade.
Na web de Somos Ribadumia (www.somosribadumia.com) hai habilitado dende este martes un espazo específico onde se recolle tanto o proceso a seguir como as normas para poder acceder ao cargo. O prazo para candidatarse rematará o próximo 12 de abril, co obxectivo de ter designada a persoa que encabece a lista antes do verán.
Soutelo anuncia que se vai presentar para o cargo.
Pola súa banda, Sergio Soutelo anunciou na propia asemblea a súa intención de presentarse para o cargo. Segundo indicou, esta decisión nace do convencemento de que chegou o momento de dar un paso máis dentro do proxecto político da formación.“Levo tres anos traballando como concelleiro, coñecendo mellor o funcionamento do concello, coñecendo mellor os problemas de Ribadumia e tamén as súas oportunidades. Agora quero poñerme á disposición da veciñanza para que sexa o pobo quen valore ese traballo”, afirmou.
En todo caso, dende a Comisión Informativa convidamos a calquera persoa que se sinta próxima ao noso proxecto político a sumarse a nós, e a quen considere que pode aportar dende un posto de relevancia como é encabezar unha lista, non teña problema en unirse ao proceso.
Unha vez pasado o proceso e tomada a decisión, a Comisión Informativa trasladara o resultado dando comezo de maneira oficial a carreira electoral. Pero todo isto realizarase sen deixar de lado o traballo político diario que nos define.
